Denuncian ameazas en Novafrigsa, do grupo Coren, contra as candidaturas da CIG e USTG

As eleccións sindicais na empresa, suspendidas pola pandemia da Covid-19, están a ser polémicas pola denuncia de represión sindical con chamadas e despedimentos como medidas de presión.
Mobilizacións denunciando a situación dos falsos autónomos en Novafrigsa (Nós Diario)
photo_camera Mobilizacións denunciando a situación dos falsos autónomos en Novafrigsa (Nós Diario)

A empresa Novafrigsa, unha das máis representativas nas comarcas de Lugo no sector da industria cárnica e que forma parte do grupo Coren, semella non esquecer que as denuncias sindicais conseguiron demostrar diante a xustiza que estaba a aproveitarse da figura de falsas autónomas e autónomos para incrementar os seus beneficios e diminuír os dereitos laborais dese persoal.

A poucas horas de que teñan lugar as eleccións para a renovación completa do comité no matadoiro após ter que suspenderse polas condicións sanitarias da pandemia da Covid-19, as centrais sindicais CIG e USTG denuncian prácticas antisindicais contra as persoas que forman parte das súas candidaturas. 

Ameazas e despedimentos como medida de presión

Despedimentos preventivos, ameazas de despedimento, cambios de posto de traballo sen xustificación, presión na carga de traballo ou continuas visitas ás oficinas dos encargados son algunhas das prácticas de presión que sinalan a importancia dunha votación na que se escollerá un comité de 13 membros no que entra en xogo, tamén, o Grupo Independente de Traballadores, única organización que desde que a empresa asumiu o persoal falso autónomo apoia o atraso no pagamento dos salarios, superando a reivindicación para o pago mensual e discriminando o persoal de Lugo con respecto a outros centros do grupo.

Coa regularización das persoas que traballaban como falsos autónomos a cifra de operarias e operarios chegaría a ser de 350.

Practica antisindical obvia para a CIG e a USTG

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López Carmona, e o secretario provincial de USTG, Manuel Expósito López, lembran nun comunicado que o conflito das falsas autónomas e autónomos non se resolveu e a empresa négase a recoñecerlles a antigüidade real polo que asegura que viven unha "persecución" para que "gañe a listaxe amarela" e por ese motivo “están a actuar a través dos encargados e adxuntos á dirección ameazando o persoal doutras candidaturas e, do mesmo xeito, empregando condutas claramente antisindicais e contrarias á defensa dos intereses do persoal". 

Desde ambos sindicatos aseguran que ademais de denegar dereitos laborais, a empresa tamén ten unha práctica antisindical que consideran "obvia". Explican que nos últimos meses, está chamando de maneira sistemática os traballadores e as traballadoras que participan nas listas da CIG e da USTG para que desistan de ir ou, de maneira alternativa, para que se sumen ás candidaturas amarelas do "grupo de traballadores", que, alerta López Carmona, están controladas pola empresa e das que forman parte persoas, segundo afirman, ás que lles unen mesmo vínculos familiares á empresa.

Diante desta situación, ambas centrais sindicais exixen o cese inmediato do que consideran unha "persecución" e denuncian a falsa imaxe "de gran familia" que vende o Grupo Coren cando despois actúa desta maneira antes dunha xornada electoral tan importante na empresa e que terá lugar no matadoiro este 9 de outubro. 

Comentarios