10-N

Denuncian a alcaldesa de Moraña por pedir o voto agasallando lotaría

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñero, pediu o voto para o Partido Popular realizando envíos ás e aos electores do concello de Moraña dunha participación de lotaría deste partido xunto coa propaganda electoral, segundo denunciaron na Xunta Electoral.

Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña
photo_camera Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña

Luisa Piñero, alcaldesa de Moraña polo PP pediu o voto para o seu partido realizando “envíos ás e aos electores do concello de Moraña dunha participación de lotaría deste partido xunto coa propaganda electoral, sobres coas papeletas ao Congreso e ao Senado do PP e unha carta asinada pola ela mesma, solicitando o voto nos próximos comicios do 10-N".

A través dunha nota de prensa, o PSdeG indica que tiveron constancia destes feitos no concello de Moraña, "aínda que non se descarta que esta acción poida repetirse noutros puntos da provincia".

"Estes feitos incumpren o estabelecido no artigo 50 e seguintes de Lei orgánica de réxime electoral xeneral", advertiron desde o PSdeG.

Tras ter constancia destes envíos, presentaron unha denuncia onde solicitan á xunta electoral de zona a apertura de expediente sancionador "que permita coñecer todos os detalles e o alcance da gravidade desta acción".

Defenden que a actuación de Piñeiro "tería que conlevar unha sanción, xa que se distinguiu noutras ocasións pola súa falta de transparencia e de escrúpulos á hora de alcanzar os seus obxectivos", denuncian desde o PSdeG.

Comentarios