Imprimir

Denuncia que a TVG "censura" un vídeo musical crítico coa xestión sanitaria de Feixoo

Redacción | 26 de marzo de 2020

Sabela Galbán
Sabela Galbán

A música Sabela Galbán di que a colaboración que lle pediron desde a televisión pública galega non se emitiu por “non pasar o filtro inquisitorial”.


 

Son apenas dous minutos de vídeo mais a Sabela Galbán dálle para falar da sanidade, da falla de medios contra o coronavirus, de liberdade de expresión ou da familia real. Todo envolto con acordeón, pandeireta e un potente retrouso (“Que aplauda Albertiño, como só ti sabes facer, coa hipocresía gravada na cara e un bo sorriso para quen te quer”).

A música rianxeira, que ten unha carreira musical na que figuran desde Ses até Os Carapaus, afirma no seu facebook que a chamaron desde a TVG para lle encargar (“se se lle pode chamar así a algho polo que non ían paghar un peso”) un dos seus vídeos caseiros e que teñen un gran éxito nas redes sociais.

Sempre segundo a súa versión, era unha  “colaboración para emitir en prime time”. Porén, o vídeo que fixo non se emitiu. “Ao final desidiron non emitilo, pois non pasou o filtro inquisitorial e sensurador. Non entendo o porqué, eu fíxeno con toda a boa intensión e o meu ghran corasón para Albertiño, que aghora aplaude a quen leva anos puteando!”, afirma.

Hai apenas uns días, Sabela tivera un gran éxito nas redes sociais cun vídeo no que falaba sobre o coronavirus e os fodechinchos que viñan a Galiza. 
 


 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/denuncia-tvg-censura-video-musical-critico-coa-xestion-sanitaria-feixoo/20200326205421093978.html


© 2020 Nós Diario