A do 31 de maio é a última reclamación que leva presentado perante o Sergas un paciente oncolóxico da área sanitaria de Vigo, á quen lle foi diagnosticado un tumor de próstata en outubro do ano pasado e hoxe segue, denuncia, en espera de tratamento.
“Só pido que se me trate como un cidadán normal sen necesidade de enchufes.... e que destinen os recursos necesarios para atender a cidadanía con garantías. Resulta obvio que, independentemente da situación de emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, un cancro, se non se trata a tempo, ten un final anunciado”, alerta nas súas redes sociais.
Segundo expón, o diagnóstico non foi polo servizo de Uroloxía até o 23 de decembro de 2019, cando se lle pauta un tratamento de Radioterapia no servizo de Oncoloxía Radioterápica do hospital Meixoeiro, onde se solicita que se lle faga unha PET Colina e se me asigna unha doutora do Servizo para o meu seguimento.
Para conseguir a proba, o doente afirma que tivo que presentar unha primeira reclamación, despois de agardar “demoras atribuíbeis ao Sergas”.
O 12 de marzo, relata, é citado para consulta no Meixoeiro, onde se lle informa que aparte do cancro na próstata aparecen afeccións metastáticas que precisan contrastarse con Medicina Nuclear, para determinar a conveniencia de iniciar o tratamento de radioterapia, unha opción da que se desiste, segundo se lle comunica a través dunha chamada telefónica ao día seguinte.
Daí, o reclamante indica que é remitido ao servizo de Uroloxía do hospital Álvaro Cunqueiro, onde obtén cita o 1 de abril, á que seguirá unha cita presencial en Oncoloxía médica ao día seguinte, na que se lle informará das distintas opcións de tratamento.
Tras decantarse pola reanudación do tratamento de radioterapia, o paciente recibe conformación do tratamento o día 6 de abril. É citado o 8 de maio para nova consulta en Oncoloxía do Meixoeiro, na que se lle indica que debe realizar de novo o TAC de simulación e que o tratamento será en dúas fases para tratar as afeccións da primeira a zona e as afeccións metastáticas, na segunda.
O TAC de simulación fáiselle o 18 de maio. Segundo denuncia, pasados dez días sen recibir cita, o 29 de maio contacta co servizo “para coñecer cando está previsto inicio do tratamento” e é informado de que nesa altura está en estudio de Dosimetría para saber o tipo de radiación. A data prevista de referencia probábel que lle dá é o 16 de xuño, o que dá lugar á terceira reclamación, da que o doente, indica, aínda "non ten resposta" a día de hoxe.