Denuncia penal contra a empresa de autobuses Ferrín por “delitos continuados” contra os dereitos do seu persoal

CIG fala de prolongacións indebidas da xornada, non se pagan as horas de nocturnidade, as horas de espera, as dietas, non se respectan os descansos e a empresa acumula “ducias de sancións” de Inspección de Traballo e sentenzas xudiciais condenatorias.

cig ferrin

A CIG presentou denuncia penal no Xulgado de Instrución de Ribeira contra a empresa de autobuses Grupo Ferrín  (formado polas empresas Agustín Sarasquete e Hijos, Hermanos Ferrín, Manuel Ferrín, e Manuel Ferrín Suaréz) e os seus administradores, por “delitos continuados contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras e por delito de desobediencia ás autoridades”, nomeadamente por incumprir de maneira reiterada as sentenzas xudiciais e os requirimentos da Inspección de Traballo.

O sindicato anuncia unha campaña co obxectivo de restaurar as relacións laborais e que nesta empresa se respecte a liberdade sindical e os dereitos do persoal. Xan García, secretario da Unión Local das Rías da CIG, define como “inaudito” o que pasa nesta empresa. Desde a folga de 2015 convocada para pedir o cumprimento do convenio colectivo e a fin da represión sindical “intensificouse” a persecución.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, incidiu en que malia as múltiples actas de sanción da Inspección de Traballo e as ducias de resolucións xudiciais desfavorábeis que acumula a empresa, o acoso non fixo máis que ir en aumento."Decidímonos a presentar esta denuncia penal pola fartura que xera que nin a autoridade laboral, nin a xudicial, nin a Xunta tomen medidas ante unha situación  tan grave e un incumprimento tan reiterado dos dereitos laborais".

Para o secretario xeral, o que acontece no Grupo Ferrín constitúe un exemplo "da desprotección na que nos atopamos a clase traballadora cando queremos defender os nosos dereitos"

José Lijó é un traballador que foi despedido até en dúas ocasións por reivindicar os seus dereitos e que, malia a xustiza declarar nulo o cese en ambos casos, segue á espera de ser reincorporado porque a empresa non atende ao mandato xudicial. Lijó referiu que dos nove anos que estivo no Grupo Ferrín, nos dous últimos anos "pasaba 10 horas ao volante todos os días, até que, entre outros dereitos, nos decidimos a reclamar o descanso que nos corresponde. A partir de aí, comezou todo".

Rosa Ana Pérez, delegada da CIG, subliñou que as prolongacións indebidas da xornada son práctica habitual, pero ademais nin sequera se pagan as horas de nocturnidade, as horas de espera, as dietas, non se respectan os descansos, e incluso o servizo non se presta coa calidade adecuada, "pero non lles importa nada, porque saben que van cobrar igual.

Comentarios