A denuncia a Jácome por doazóns forzosas arquívase provisionalmente

O xulgado arquiva de forma provisional a denuncia icontra o alcalde da Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por un suposto pago de "doazóns forzosas" a Democracia Ourensá.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez xácome.
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. (Foto: Europa Press)

O Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense arquivou de forma provisional a denuncia interposta por un ex asesor contra o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, por un suposto pago de "doazóns forzosas" a Democracia Ourensá (DO). En concreto, en agosto de 2020 este ex asesor da formación denunciou que Jácome o nomeara para o cargo exixíndolle unha doazón forzosa do seu soldo e pagas extras, achegas de diñeiro que efectuou entre decembro 2019 e abril 2020. Ademais, afirmou que esta práctica afectaba á maioría do persoal eventual asignado ao grupo municipal de DO.

A esta denuncia uniuse o escrito presentado na Fiscalía polos concelleiros díscolos de Democracia Ourensá contra o propio Jácome debido a unhas presuntas irregularidades na xestión dos fondos públicos do partido, entre elas, as citadas prácticas de "doazóns".

Con todo, o xulgado considera que non queda acreditado que o "favor de natureza económica" realizado polo denunciante for para efectuar a súa contratación.

"Non consta mensaxe ou gravación ningunha pola que se comprometese a efectuar a contratación en consideración a tal favor nin ningunha das testemuñas relatan que se condicione o nomeamento a tal entrega", sinala a resolución xudicial.

Así mesmo, o xulgado indica que non concorre proba da vinculación das doazóns denunciadas co nomeamento por parte do alcalde do persoal. 

En canto á xestión dos recursos dos grupos de DO no Concello, na Deputación, e os propios do partido, o xulgado sinala que a fiscalización e control das contas ha de levarse a efecto polo Tribunal de Contas, non sendo a xurisdición penal a vía adecuada.

Tras transcender a decisión xudicial Gonzalo Pérez Jácome manifestou que as acusacións responden a "unha trama" para tratar de arrebatarlle a Alcaldía de Ourense. "Sempre mantiven unha total tranquilidade", dixo. 

Comentarios