Opinión

A democracia segundo Zuckerberg

En todo o planeta, trábase unha batalla entre a soberanía e a democracia, de maior ou menor intensidade, e os cinco grandes guerreiros da globalización –Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, con cadanseu poder monopolista nos seus dominios mundiais. Son os fillos da desregulamentación e da nova fronteira deseñada no berzo do imperio para todo o mundo, e que agora desafían aqueles quen os encoraxaran. Como nestes momentos está a acontecer na Australia por causa do declinio e destrución do modelo de negocio do xornalismo local que o Google e o Facebook lles están a causar. Polos vistos, o primeiro está a fechar acordos con parte da prensa dalí, mais Zuckerberg recúsase a negociar e quer continuar a actuar pola brava. No entanto, a reacción indignada do primeiro ministro australiano ten moito de hipocrisía e lembra a cena do capitán Renault en Casabanca: “Estou chocado por saber que aquí se xoga!”

Agora descobren que unha democracia non pode ter poderes corporativos monopolístas e oligopolístas á solta. Un ou os outros, mais non ambos. E non é difícil intuír quen está a gañar todas as batallas, tendo visto o seu poder e o seu papel como infraestruturas cuase imprescindíbeis, amplificadas pola pandemia, en que cabalgan, arrasando todo o que levan por diante. Certamente, a batalla do discurso sobre a tecnoloxía e a sociedade parecen tela superada coa narrativa determinista de que a primeira impulsiona a historia, e de que desafiala é oporse ao progreso da humanidade. 

Tarde de máis. Deixóuselles todo o campo aberto e, agora, parece muito complicado desandar o camiño, reverter o relato e deter o seu “modelo de negocio” que, no campo do xornalismo, polúe a opinión pública con desinformación, odio e mentiras, e apaga os esforzos por fornecer informacións confiábeis ao público. Alén diso, é moi difícil reverter os hábitos que xa instalaron na maioría da poboación. É verdade que xa hai algún tempo, e en medio dos escándalos de manipulacións políticas e transferencias de dados, crece a percepción de que o camiño que eles marcaron precisa de ser desandado. Porén, é pensamento máxico prever que, principalmente o Facebook, vaia desistir do seu obxectivo, que é máis do que transmisión de noticias: ter o controlo e o poder, nun mundo onde eles xa son mesmo máis fortes que os países, e o seus donos, os oligarcas máis poderosos do mundo, con Zuckerbeg en primeiro lugar. A conta da democracia.

Comentarios