Máis de mil profesionais tomaron parte na mobilización que decorreu esta quinta feira en Compostela para exixir “Máis emprego e de máis calidade nunha sanidade 100% pública”. Convocada polos sindicatos CIG, CCOO, Satse, O`mega, UXT, entre outros, defenderon que se cubrisen todas as vacantes, garantindo así persoal de abondo para prestar un servizo acaído.
Desde 2009 xubiláronse 3 mil profesionais da saúde. Entretanto, só foron re-emprazadas o 10% das prazas vacantes --entre 2010 e 2014, o 50% no 2015 e, segundo anunciou o goberno de Galiza, o 100% para este ano 2016. Ora ben, sinalan os sindicatos, só serán cubertas as prazas correspondentes ao ano anterior e o que non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos, apuntan as centrais sindicais.
De acordo coas Ofertas Públicas de Emprego (OPE) publicadas en 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, 818. Destarte, suman 1.539 prazas que non se achegan "nin de lonxe" ás 3.000 que serían precisas para garantir a cobertura daquelas que se perderon por xubilacións, sinalan.
Na mobilización tamén se denunciou a “precariedade” existente, con contratacións de persoal mesmo por días solto, afectando así á calidade asistencial.