A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denuncia a "paralización da actividade asistencial nos hospitais públicos galegos", mentres que o Sergas asegura que esta actividade estase a recuper "gradualmente".
A xuízo dos defensores da sanidade pública, os hospitais manteñen "o feche de camas de hospital co argumento de evitar o colapso" destas instalacións debido á crise sanitaria polo coronavirus.
Pola súa banda, fontes da área sanitaria de Pontevedra confirmaron a Europa Press que as plantas "non están fechadas", senón que "están abertas e dispoñíbeis para novas hospitalizacións".
E é que esta asociación denunciou concretamente a situación do Hospital Montecelo de Pontevedra, onde aseguran que se mantén "gran parte da planta" dos servizos cirúrxicos fechada. "Segue habendo dúas profesionais de garda e practicamente a totalidade de casos e probas foron derivadas ao Hospital Quirón", un hospital privado da multinacional alemá Fresenius.
Con todo, as fontes consultadas nesta área rebateron que "precisamente non se derivan" casos porque o número de diagnósticos activos de coronavirus descendeu e os servizos están en "total e plena dispoñibilidade".
Dada a diminución do número de casos, a asociación cre que xa "non parece sustentábel" utilizar o argumento da COVID-19 "para evitar o risco de contaxio de pacientes que asisten aos hospitais públicos".
Esta visión non é compartida por parte do Sergas, que asegura que "está a recuperar a actividade cirúrxica e de consultas gradualmente" e que os recentes datos sobre o coronavirus "facilitan que se renove esta actividade".
Incremento das listas de agarda
Para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública isto non é suficiente e consideran "inaceptábel manter paralizada a actividade asistencial" porque "supón un risco para as doentes con patoloxías crónicas e dexenerativas".
Ao mesmo tempo, cren que "contribúe a incrementar as listas de agarda a cotas inaceptébeis" e "supón unha privatización da atención hospitalaria que beneficia aos centros concertados".
Por todo iso, exixen a "continuación inmediata" da actividade asistencial "normal" e a "reapertura das salas e servizos clausurados pola pandemia"; así como "pór en marcha un plan para incrementar a actividade dos centros públicos" coa "contratación de persoal".