O Defensor do Pobo insta á Xunta de Galiza a actuar con “más contundencia e determinación” ante o problema da contaminación por lindano que padece o concello do Porriño. O Defensor do Pobo afirma que “o proceso de descontaminación non pode durar indefinidamente ante uns riscos potenciais para a saúde da cidadanía e para a protección do medio”.
Insta tamén ao executivo galego a declarar coma solo contaminado os terreos de Fonte Contrasto, debido a que os valores de concentración de lindano superan o estabelecido na normativa. Tamén avisa á Xunta de que deberá declarar coma contaminados aqueles outros terreos onde os estudos conclúan que os valores de contaminación sexan superiores aos contemplados nas normas.
O lindano, que se acumulou no solo do Porriño, pasou ás augas subterráneas e superficiais, e procede dos residuos xerados na produción de insecticidas. Após o cese desta produción en 1964, os restos contaminantes remataron en vertedoiros sen control e dispersáronse en distintos territorios do Porriño.
Hoxe estes restos abranguen distintas zonas, que inclúen o propio solar da antiga fábrica de insecticidas (sobre a que se construíu vivenda pública en 1975, sen descontaminar antes o solo).