A defensa de Luiz Inácio Lula da Silva solicitará á xustiza a liberdade «inmediata» do ex presidente brasileiro despois de conversar con el esta sexta feira, 8 de novembro, no cárcere onde está preso desde abril de 2018 por corrupción e branqueo de capitais.
A petición de excarceración baséase na decisión adoptada esta quinta feira polo Tribunal Supremo do Brasil (STF), que determinou que a prisión dunha persoa condenada soamente en segunda instancia é inconstitucional.
A decisión, con todo, non é automática. A xuíza Carolina Lebbos podería ordenar a prisión preventiva do ex presidente se o fiscal a solicita e considera que existe risco de fuga do acusado. Non hai unha data límite estabelecida por lei para que se manifeste.
Xira de Lula após a excarceración
De acordo coas informacións de O Globo, así sexa liberado Lula ten previsto viaxar por todo o país para fortalecer a oposición ao Goberno de Jair Bolsonaro, e tamén unha rolda internacional para se reunir con persoeiros que se pronunciaron en contra do seu arresto.
Con todo, o primeiro acto do líder do Partido dos Traballadores tras ser liberado, será en Curitiba, fronte á Superintendencia da Policía Federal, onde está preso, para render homenaxe aos seus seguidores que permaneceron no lugar durante un ano e sete meses.