Opinión

Declive imperial, manipulación e guerra civil

As eleccións presidenciais de EUA estanse revelando como un elemento crítico na historia dese país. Nada que ver cun problema partidista-electoral esquerda-dereita ou de bos (Biden) e malos (Trump), como se intenta despachar polos grandes medios, nun vulgar exercicio de xornalismo de diversión. Michael Vlahos, un ex analista da CIA e profesor da Universidade Johns Hopkins, acerta ao sinalar que a actual crise que atravesa EUA é sistémica, similar á do Imperio Romano no momento da súa metamorfose de república en imperio. As elites neoliberais (Wall Street, Silicon Valley, Hollywood e os media), os novos Optimates —o equivalente á facción aristocrática do senado na última época da Roma republicana—, terían decidido tomar o control total do país, garantindo así os seus privilexios, ameazados pola profundidade da crise capitalista mundial. Un dato elocuente: Wall Street investiu cinco veces máis no candidato demócrata que en Trump, que representaría os sectores non transnacionais. Do mesmo modo, os medios mainstream son os que determinan (antes que os xuíces) o que é verdade ou falso, erixíndose en censores de calquera (incluído o presidente) que cuestione o diagnóstico dos Optimates, representados por Biden. Por iso proclamaron os resultados antes que o Colexio Electoral marcándolle o “camiño correcto”. Ante tal manifestación de manipulación, pode prestárselle algunha credibilidade ao que difunden estes medios, por outra parte responsábeis do modelado do imaxinario popular?

Non obstante, as cousas non están saíndo segundo o guión previsto. O republicano, en circunstancias adversas e coa inmensa maioría dos medios en contra, logrou incrementar os seus apoios nun 15%, cando as enquisas daban folgadamente vencedor a Biden. Resulta evidente que unha parte substancial de cidadáns americanos non comulga co relato dos medios. Por que, se quen goberna a Casa Branca é un “tolo”? Hai 73 millóns de tolos ou necios en EUA? Non se sostén ese relato. O mesmo se pode dicir co circo do masivo (e providencial) voto por correo, circunstancia extraordinariamente anómala, propiciando un estraño reconto que aínda non rematou (!). Aínda estando en desacordo coa ideoloxía, estilo e xestión de Trump hai que admitir que algo verdadeiramente sinistro está ocorrendo. Por iso, o Partido Republicano (non só o “tolo” de Trump) avala a decisión de non iniciar o trámite de traspaso de poder a Biden, a pesar de coñecer como actúan os poderes fácticos americanos fronte aos que ousan saírse do guión. No PR hai a convicción de que lles roubaron as eleccións e de que os tribunais deben ter a última palabra.

A situación é crítica, ata o punto de que fronte aos movementos de certos membros do establishment militar, Trump optou, hai uns días, pola drástica medida de cambiar a cúpula do Pentágono descubrindo que algúns altos mandos estábanlle ocultando información confidencial, como o flagrante incumprimento das súas ordes sobre a retirada de efectivos en Siria, entre outros achados de desacato. Ao que estamos asistindo é ao choque aberto entre dúas faccións das elites e calquera acontecemento pode ser posíbel.

Comentarios