Declaran laborais fixos nove membros do GES de Ponteceso

Segundo a CIG esta sentenza evidencia "a precariedade e a fraude laboral nos servizos públicos que están a fomentar as distintas administracións".

Concello de Ponteceso (Nós Diario)
photo_camera Concello de Ponteceso (Nós Diario)

Un xulgado do Social da Coruña vén de declarar como persoal laboral fixo do Concello de Ponteceso nove traballadoras e traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), recoñecéndolle unha antigüidade que viría desde 31 de xullo de 2013, ano no que se asinou o primeiro convenio entre Administración local, Xunta e Deputación para a prestación deste servizo.

O tribunal considera que a "fraudulenta contratación" á que estaba sometido este persoal, con contratos temporais por obra ou servizo que se renovan ano a ano desde 2013 e a realización de funcións permanentes, entre outras, converten estas traballadoras e traballadores en persoal laboral fixo do concello.

Promocionar a precariedade

Para a CIG esta resolución é unha evidencia máis da "irresponsábel concepción que as Administracións como Xunta, concellos,  Fegamp e  deputacións, teñen destes grupos de emerxencias e o escaso interese por dotar dunha estrutura de persoal profesionalizada e estábel". Demanda, ademais, que conten "con medios materiais suficientes a estes servizos públicos básicos que atenden, de modo maioritario, as zonas rurais". A central nacionalista salienta que a propia sentenza recolle que diferentes xulgados do Social e o TSXG teñen ditado resolucións declarando a fixeza da relación laboral dos traballadores e traballadoras cos concellos que prestan o servizo. 

Segundo a CIG nos GES "mestúrase, por un lado, o obxectivo da Xunta de dar unha suposta cobertura de servizos de emerxencias a zonas ás que non chegan os parques de bombeiros e por outra, os concellos, co visto bo das deputacións e Fegamp, acollen estes grupos co obxectivo de dispor de persoal barato para a realización de todo tipo de labores".

Comentarios