Opinión

A Declaración da Llotja de Mar

O Bloque Nacionalista Galego ven de asinar no histórico edificio da Lonxa de Barcelona, xunto a EH-Bildu, ERC, CUP, PdCAT e outras forzas soberanistas, a “Declaración da Llotja de Mar”.

Para alén do interese da declaración en si mesma (que o ten), o feito de que, na actual conxuntura política do estado español, se aunen esforzos e estratexia entre forzas políticas de Euskal Herria, os Països Catalans e Galiza é de grande transcendencia. Porén, o alcance desta declaración vai máis alá da actual conxuntura e transmite, desde o meu punto de vista, catro cousas importantes:

En primeiro lugar, que o que está acontecer en Catalunya é un problema político e, como tal, só é resolúbel a través da política. A vía xudicial, policial ou militar, lonxe de solucionalo só o poden agravar. Porén, non vale calquera solución política. Ou é unha solución global ás lexítimas aspiracións de todas as nacións sen estado actualmente integradas no Reino de España ou sempre será unha solución incompleta.

En segundo lugar, esta declaración amósalle ao goberno español (presente e futuro) a nosa firme disposición a camiñar xuntos na defensa dos nosos dereitos nacionais. A pesar de ser forzas políticas procedentes de culturas políticas diferentes, con plantexamentos ideolóxico-políticos diversos (que incluso compiten electoralmente) e pertencer a realidades nacionais tamén moi diferentes, é máis -e máis importante- o que nos une (a falta de soberanía real dos nosos pobos e a defensa do dereito de autodeterminación dos mesmos) que o que nos separa.

En terceiro lugar, esta declaración leva unha mensaxe implícita para unha esquerda española que, por desgraza, lonxe de ser parte da solución está a ser parte do problema: ante unha situación como esta a “neutralidade” nunca é neutra. Non hai equidistancia nin escapismo posíbel. Ou se está coa democracia e a liberdade ou co autoritarismo e a represión. Cando a lei choca coa xustiza, hai que ter claro de que bando estar. As forzas soberanistas tivémolo claro sempre e, na nova fase política que se vai abrir no estado español, seguiremos a ser as que realmente poñan en cuestión o status quo do Rexime do 78 facendo prevalecer a xustiza e a democracia sobre as leis que blindan a súa posición de dominio e privilexio.

En cuarto lugar, que as consecuencias e alcance da sentenza contra dirixentes políticos e sociais cataláns, irá moito máis aló de Catalunya e porán en grave risco dereitos fundamentais do conxunto da poboación do estado español. Ante ese proceso involutivo -que ven para se quedar-, en termos de dereitos e liberdades básicas, de aumento da represión, persecución da disidencia política e intento de recentralización, o estado español teranos en fronte e unidos. Ningunha caste de política represiva ou eventual modificación da lei de Partidos, Lei Electoral ou Código Penal, fará que nos desviemos un ápice dos nosos obxectivos.

Para tres nacións de mar, unha lonxa, sempre será un bo sitio para chegar a bos acordos. E que ninguén se trabuque, aínda non está todo o peixe vendido.

Comentarios