Opinión

O que decida Sánchez será

Na Galiza unha parte importante da poboación considera que o PP de Feijóo son “os meus”. Tanto ten que se lle argumente que está ao servizo de poderes que son nefastos para eses votantes convencidos e para o futuro dos seus fillos e fillas e para o país como conxunto, caso de que iso lles importase. Sabemos que detrás dese PP de Feijóo están poderes da corte madrileña, aos que serve, e tamén poderes locais que actúan como parte do sistema de afogamento do país. Mais haille que recoñecer ao Feijóo do PP que é hábil e capaz a facer a súa carreira política en Madrid cunha man e coa outra conservar os seus votantes galegos no convencemento de que é “o seu”.

Agora vivimos unha crise profunda e nesas situacións a reacción usual das sociedades é conservadora, cérrase ao redor de quen a goberna en tanto está sumida na crise, non quere cambios que supoñan máis inseguridade. Iso favorece a quen está neste momento na Xunta e ademais coa habilidade de cargar os erros ao Goberno de Madrid e atribuírse os méritos a si propio. Iso sumado ao práctico control dos medios de comunicación radicados na Galiza.

Unha situación de poder así non a pode desequilibrar máis que un partido que teña poder tamén, isto é o PSOE de Sánchez que ten o Goberno de Madrid. Gonzalo Caballero é un candidato razoábel, seguramente non sería un mal presidente da Xunta, dentro das limitacións políticas dun PSdeG que practicamente non existe como tal, mais nin ten experiencia na oposición ou no goberno nin é moi coñecido, unicamente unha decisión de Sánchez de dar a batalla pola Xunta podería disputarlle no seu terreo a Feijóo esa capitalización da xestión da pandemia. E aquí é onde está o que nos debe ocupar, seguro que ao PSOE lle interesa botar a Feijóo da Xunta?

O PSOE de González e Guerra mantiveron ao PSdeG de Francisco Vázquez como partido subalterno que, na práctica, ademais de permitirlle a Vázquez seguir cos seus negocios, sostivo a Fraga na Xunta. O motivo era que Fraga desde o goberno da Galiza tiña unha posición que lle permitía levarlle a contraria a Aznar, desestabilizalo e debilitar o seu liderado. Nesta ocasión pode ser que o PSOE de Sánchez volva entregar o noso país ao PP de Feijóo para que Casado en Madrid siga debilitado, preocupado por sentir o alento de Feijóo na orella detrás del. O partido galego, o BNG, non ten capacidade arestora para ser alternativa de goberno, as galegas e os galegos estamos nas mans dos partidos españois. Veremos se volvemos ser moeda de cambio, un peón no xogo da política madrileña. Nunca exclúan o peor.

Comentarios