Decembro despídese con 68 novos parados rexistrados cada día na Galiza

O desemprego aumentou en 1,13%, por riba da media do Estado, que foi de 0,96%

Oficina de emprego, paro, traballo. Foto de Arxina
photo_camera Oficina de emprego (Foto: Arxina)

O paro rexistrado aumentou na Galiza en 2.115 persoas durante o mes de decembro, un mes tradicionalmente bo en termos de emprego polas contratacións derivadas da campaña de Nadal e o tirón do consumo.

Porén, este ano non foi así. A pandemia tamén bate forte no emprego e deixa na Galiza unha media de 68 novos parados rexistrados cada día durante decembro.

O desemprego aumentou nese mes en 1,13%, por riba da media estatal, onde o aumento foi de menos de 1% (0,96%).

En termos interanuais hai agora na Galiza 24.279 rexistradas 24.279 persoas no paro que hai un ano. É un aumento de 14,6%, porcentaxe esta si inferior ao 22,9% de incremento no desemprego que rexistrou de media no estado nestes 12 meses.

Galiza fechou o ano 2020 cun descenso medio de 18.098 afiliados (-1,77%). A nivel estatal, o descenso foi de 360.105 afiliados (-1,8%), a súa maior caída anual desde o exercicio 2012, cando o sistema rexistrou máis de 787.000 baixas.

Deste modo, o 'ano da pandemia' finalizou na Galiza con 1.002.161 afiliados medios, o que supón un 0,76% de cotizantes menos en decembro respecto de novembro e 1,77% en relación a decembro de 2019.

Por outra banda, o ano 2020 pechou con 33.772 persoas en ERTE na Galiza, o que supón un incremento do 25% respecto ao mes anterior cando o número de persoas nesta situación era de 26.918.

Comentarios