O debuxante Kiko da Silva demandará o PP

Lamenta que a formación conservadora intente “desprestixiarme” cunha campaña “vil e denunciábel” acusándoo de recibir contratos por "amiguismo". 

KIKO DA SILVA - ESTUDIO1

Kiko Da Silva é un dos nomes de maior recoñecemento e prestixio no mundo da banda deseñada galega. O debuxante vén de anunciar que demandará o PP por afirmar que recibe contratos do Concello de Pontevedra por “amiguismo”, referíndose ás acusacións feitas por Rafa Domínguez, portavoz do PP pontevedrés.

O ilustrador sinalou que as dirixentes do PP “terán novas dos meus avogados” e criticou que o PP estea nunha campaña “vil e denunciábel” para desprestixialo. Da Silva fixo parte da candidatura do BNG ao Congreso nas eleccións estatais. O PP acusa o Concello de adxudicar “a dedo” o deseño do cartaz de Entroido pontevedrés por 4.400 euros ao debuxante.

O ilustrador lembra que o contrato non é só polo cartaz senón para encargarse de toda a campaña de imaxe das festividades do Entroido en Pontevedra. Lembra que a mesma modalidade de contratación foi empregada polo Concello de Marín, onde goberna o PP.

"Rafa Domínguez, está intentando facer crer a sociedade pontevedresa que fago todos os carteis do Concello, que vivo do Concello, e danme traballo porque simpatizo coa forza política que goberna no Concello de Pontevedra. Levo traballando coma ilustrador e historietista profesional dende 1998, teño unha longa carreira profesional, e se me chaman para facer un traballo é por todo iso, non pola miña ideoloxía política", indicou.

O ilustrador puxo á venda o orixinal do cartaz de Entroido e anunciou que a recadación irá para loita contra o cancro. "Todo o recaudado doareino á investigación contra o Cancro da USC. TODO, incluídos esos 4400 euros que tanto lle molesta ao sr. Rafa Domínguez, que cobre un profesional da ilustración por facer o seu traballo". 

Comentarios