Luís Villares, líder de En Marea

"Deberiamos ter roto xa cando foi o caso Quinteiro"

En Marea partido está hoxe fóra de En Marea grupo parlamentar. Este sarillo ilustra ben a complexa situación que ten de pilotar como dirixente político Luís Villares, o líder dunha nova formación parlamentar composta por unha deputada (Paula Vázquez Verao) e tres deputados (el propio, Davide Rodríguez e Pancho Casal) que esta sexta feira 21 de xuño formalizaron a súa inscrición no grupo mixto da cámara galega. Villares ten plena confianza en que hai espazo político e electoral para unha En Marea renovada que recupere o espírito fundacional de 2015. "A alianza é máis doada entre persoas que entre partidos", afirma.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

Sexta feira 21 de xuño. Apenas unha hora despois de se adscribir como deputado ao grupo mixto, Luís Villares atende a chamada de Sermos.

Séntese liberado após ter dado o paso de abandonar o grupo parlamentar que partillaban con Podemos, Esquerda Unida e Anova?

Era un paso necesario. Para poder cumprir cos nosos compromisos éticos, programáticos e políticos. Polo tanto, síntome liberado por poder cumprilos. Claro que un episodio así sempre é un trago amargo porque a ninguén lle gusta que un proxecto político pase por este trance, mais isto nos permitirá ter unha oportunidade de sermos leais aos compromisos que adquirimos co electorado que nos votou en 2016.

Na conferencia de imprensa desta quinta feira, pediu desculpas por non o ter feito antes...

Pois si.

Non é moi habitual que un dirixente político pida desculpas.

Xa pedín desculpas varias veces. Un servidor público ten que saber recoñecer erros e pedir desculpas. Eu creo que aquí no grupo parlamentar galego tiñamos que ter roto cando foi o caso Quinteiro [a deputada de Podemos que se viu envolvida nun incidente coa policía local de Compostela]. Aquilo para nós supuxo unha quebra na imaxe e na confianza cidadá porque incumprimos o noso código ético. Mantívose unha deputada simplemente por ter o carnet dun partido político. E iso non ten nada que ver coa ética. Foi a primeira vez que se aliñaron os partidos [Podemos, EU e Anova] na defensa dunha persoa simplemente por ser militante dun partido e non por unha consideración sobre o que fixera. Foi un erro moi grande. Nós practicabamos a política das emocións. A Nova Política, na que nós estamos inseridos, baséase tamén nunha idea de indignación cidadá e de rebeldía coa forma antiga de facer política. Nós tiñamos como totémicos certos códigos sobre o que se debía facer ou non se debía facer nalgúns casos, non? E entón ese episodio causounos un dano moi grande e iniciou unha fractura entre aqueles que seguían as consignas dos partidos (e singularmente de Podemos) e aqueles que profesabamos aquilo que estabelecía a organización pola que fóramos escollidos.

O caso Quinteiro  para nós supuxo unha quebra na imaxe e na confianza cidadá porque incumprimos o noso código ético

Iso no Parlamento galego. No Parlamento español creo que nos equivocamos moito ao non ter roto en ningún momento. Debiamos ter dado o paso cando por exemplo a Fernán Vello non se lle deixou exercer a voceiría. Querían invisibilizar o traballo de Anova e conseguírono. Podemos non tiña ningunha intención de funcionar como un grupo confederal, senón como un grupo unitario e, ademais, moi centralista. Esta circunstancia impediunos desenvolver plenamente a Axenda Galega, o que era o noso programa electoral. Logo votamos diferente no tema dos orzamentos, que nos parecían inaceitábeis, mais iso chegou tarde.

E por que aguantamos tanto? Porque nós considerabamos que a unidade era un valor moral da política. Que pasa? Que a unidade cando non vai acompañada de lealdade non vale para nada. Iso foi o que aprendimos. Algúns practicamos unha lealdade que non foi correspondida.

Nesa conferencia ante os medios revelou que no seu momento se reuniu con Pablo Iglesias para tentar que Podemos non bloquease a Axenda Galega que o Consello das Mareas quería impulsar no grupo do Congreso.

Mantivemos contactos non presenciais, pero si telemáticos. Vimos neles que non tiñan vontade de acordo. A partir de Vista Alegre II, na primavera de 2017, Podemos escorou o seu posicionamento ideolóxico, cunha purga incluída do seu sector crítico [refírese a Errejón e Bescansa], e cun claro deslizamento a posicións centralistas no plano orgánico. Nun momento dado, viron que manter o seu ideario plurinacional fundacional lles ía ter costes electorais perante a evolución que estaba tomando o conflito catalán. A consecuencia natural desa viraxe foi desfacerse das confluencias. O choque con nós foi inevitábel porque para nós Galiza é o noso espazo nacional de decisión. Cando vimos que iso non era así para eles, comezamos a revolvernos. Tardamos demasiado en emanciparnos, mais que por debilidade, por un sentido un pouco naif do que é a unidade. A unidade non sempre suma. Hai xogos de suma cero. Agora estamos nun escenario político pluripartidista na Galiza, no Estado e tamén en Europa e aí o que vemos é que a unidade non sempre suma, en troca, a diversidade si pode mobilizar apoios.

No Congreso deberiamos ter dado o paso de romper cando por exemplo a Fernán Vello non se lle deixou exercer a voceiría. Querían invisibilizar o traballo de Anova e conseguírono

A experiencia de AGE, agora a de En Marea, parece indicar que é politicamente inviábel a alianza de partidos galegos con formacións de ámbito estatal.

O difícil é a alianza entre os partidos, é mais doada a alianza entre persoas. Na Marea conviven persoas de sensibilidade nacionalista, confederal, republicana, cidadanista. E esas sensibilidades enténdense moi ben. Todas comparten unha idea nacional, a idea do soberanismo. Ou sexa, estabelecer Galiza como espazo de decisión política. E iso cría unha idea nacional ampla e apta para non nacionalistas tamén, non? E iso é o que nos permite a convivencia e solucionar sen ningún tipo de conflito esa aparente contradición. A idea é a soberanía. Galiza como espazo soberano de decisión. Ti podes ser nacionalista ou non, pero non queres que che tomen o pelo como galego.

Volvamos por un momento á ruptura no Parlamento galego. Parece claro que a escolla do escano no Senado foi o detonante.

Foi a pinga que fixo rebordar o vaso. Tal e como nós o vemos, se concebimos o grupo parlamentar de En Marea como unha formación unitaria é evidente que a facultade para designar a persoa que fose ocupar ese escano lle corresponde ao órgano de dirección do partido, no noso caso o Consello das Mareas. Mais como finalmente vimos con clareza que no grupo había dúas realidade partidarias diferenciadas, a única vía de resolver o conflito era o consenso. Isto é, o acordo entre formacións iguais e soberanas. Se no grupo parlamentar hai dúas realidades partidarias diferenciadas [a En Marea de Villares e o triángulo Podemos-EU-Anova] o disenso non se pode resolver polo procedimento das maiorías. Iso non é consenso. É imposición. Por iso nós propuxemos unha alternativa a Mariló [Candedo] e puxemos sobre a mesa un nome [Manuel Lago] que puidese resultar amábel para a outra parte. Mais nen así. Eles non tiñan a menor vontade de acordo.

Anuncian novo proxecto para xullo, mais os seus críticos argumentan que na Galiza non hai espazo electoral e político para unha forza que se sitúe entre Unidas Podemos e o BNG.

Ben, a realidade política e sociolóxica o que está demostrando na última década na Galiza, e tamén no conxunto do Estado, é que os marcos se moveron moito e continúan a ser marcos febles e, polo tanto, poden moverse unha vez máis. Vexamos. O PSOE na Galiza é un partido con escasa preocupación polas cuestións sociais –velaí vemos as reformas laborais recalcitrantes– e algo máis de interese polas liberdades cívicas, a pesar de que non derrogaron a Lei Mordaza nin despenalizaron a eutanasia, por exemplo. Logo está o espazo de Podemos, crecentemente izquierdaunizado coas consecuencias que iso ten na Galiza, pois xa sabemos cal foi o devir histórico de Izquierda Unida no noso país. E despois o problema con relación ao Bloque é que o BNG ten unha idea nacional que non é compartida por unha parte ben significativa da poboación. Entón nós oferecemos un espazo de democracia social, que desde logo é máis social que a do PSOE, un espazo que sorrí e non está enfadado ao estilo desa izquierdaunización cara á que camiña Podemos, un espazo que ao mesmo tempo ofrece unha idea nacional na que poden sentirse representadas amplas capas da poboación que se cadra non se ven interpeladas polo sentimento nacional tal e como o interpreta o BNG. Na nosa idea nacional colle todo o mundo. E despois xa veremos como construímos consensos máis alá do ámbito galego porque evidentemente a pertenza ao estado español obriga a iso.

A nova En Marea vai estar máis perto do BNG ou de Unidas Podemos?

Pois eu creo que En Marea está chamada a ser un espazo que poda abranguer un ámbito progresista galego moi amplo con zonas tanxenciais co Bloque, con Podemos e co Partido Socialista. Xa sei que me vas dicir: ostras, esta política líquida pode ser moito ou pode ser nada [risos], pero a xente hoxe en día está disposta, en función das alternativas que ve, a sentirse identificada cunhas ofertas ou con outras. Nós pensamos que podemos obter unha identificación cidadá relevante con esta proposta na que estamos traballando, unha proposta da que nunca quixemos apartarnos. E a tanxencialidade é consecuencia de termos elementos comúns, tanto co discurso ideolóxico do BNG como do PSOE como de Podemos. Hai un espazo de intersección no que estamos traballando, esa idea de democracia social galega, ecoloxista e feminista.

O problema con relación ao Bloque é que o BNG ten unha idea nacional que non é compartida por unha parte ben significativa da poboación

Esta quinta feira, Feixoo converteu un consello da xunta nun acto de evidente contido pre-electoral, na práctica declarou aberta o que ten aspecto de ser unha longa campaña até as galegas 2020. Sei que aínda é algo cedo perguntar isto, mais por que formula de concorrencia apostaría para eses comicios. Por ir en solitario ou por procurar unha coalición con outras forzas?

Ben, ese é un debate un chisco prematuro e que hoxe non está enriba da mesa. Xa tomaremos unha decisión no seu debido momento. Agora temos un reto por diante. Un reto e unha oportunidade, a de, desde a nosa forza no Parlamento galego, cumprirmos fielmente co mandato que recebemos das electoras e dos electores que nos deron a súa confianza nas eleccións galegas de 2016.

Comentarios