Imprimir

A débeda pública chega aos 11.551 millóns en 2020

Lucía Rodríguez | 11 de xaneiro de 2021

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, e o presidente da Xunta, Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, e o presidente da Xunta, Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press)
A débeda pública galega prepárase para chegar a outro máximo histórico en 2021. Após fechar 2020 cunha cantidade total de 11.551 millóns, o Goberno galego, no seu proxecto de orzamentos para o seguinte ano, agarda un endebedamento de 12.321 millóns. As previsións para 2021 continúan a tendencia da última década.

Adébeda pública non deixou de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Á volta de 2008 situouse en 3.954 millóns, representou 6,80% do Produto Interior Bruto (PIB) e significou unha carga para cada galego e galega de 1.429 euros. Doce anos máis tarde logrou 11.551 millóns, o que representa 19,50% do PIB, e anotou unha contía de 4.213 euros por habitante.

Así as cousas, segundo os datos fornecidos polo Goberno galego na súa proposta de orzamentos para 2021, os Executivos de Núñez Feixoo xeraron na Galiza unha débeda de 7.957 millóns de euros.

O aumento do endebedamento foi constante desde 2009. Mentres o Goberno bipartito de PSOE e BNG levou adiante unha importante redución do mesmo, nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% de PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007, a tendencia mudou radicalmente no período de Feixoo.

O Goberno galego prevé que a débeda pública alcance os 12.321 millóns de euros

Neste sentido, as subas máis importantes da serie histórica correspondéronse coas anualidades de 2011, 2012 e 2017, até marcar o seu máximo absoluto ao longo de 2020, tras certificar o maior aumento porcentual desde 2011.

Caída do investimento social

O aumento da débeda e do déficit público non estivo vinculado a políticas económicas expansivas, senón que se viu acompañado de recortes no sistema de benestar. Se os últimos orzamentos que elaborou o Goberno bipartito do PSOE e do BNG en 2009 achegaron aos servizos públicos 7.106 millóns, 66,4% do total do orzamento e 2.567 euros por habitante, a cifra baixou após nove anos a 6.830 millóns, o que significou unha rebaixa total de 266,5 millóns, unha caída porcentual de 2,6% e unha diminución do gasto por persoa de 36,17 euros.

Os recortes deixáronse notar particularmente en Sanidade e Educación. En 2009, o Goberno galego destinou 2.443 millóns a Educación e 3.937 millóns a Sanidade, mentres que a liquidación orzamentaria provisional de 2018 sinalou un investimento de 2.262 millóns para a rede educativa e 3.858 millóns para o sistema sanitario, nun escenario onde o PIB galego en termos correntes foi claramente superior ao de 2009.

De feito, o investimento sanitario na Galiza situouse no oitavo lugar do Estado nese ano, con 1.428 euros por habitante, por baixo da media estatal e moi lonxe de territorios como Euskadi, onde se situou en 1.734 euros.

A técnica contábel permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda. Un caso paradigmático disto acontece co hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, construído mediante a fórmula de colaboración público-privado e polo que o Goberno galego está obrigado a sufragar un canon anual até 2036 de 1.400 millóns de euros debido á obra.

A Xunta adebeda, a maiores, 2.335 millóns por actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privada

Para este 2021 a Xunta da Galiza debe facer fronte, por este concepto, a pagos de 141 millóns de euros, tendo sinalando o economista Albina Prado que pola “posta en servizo dun hospital público, como o Cunqueiro en Vigo, dentro dun edificio privado” supón un “alugueiro multimillonario” e o custo que representa “duplica o prezo de pagalo con débeda pública”.

As hipotecas da colaboración público-privada

A Xunta da Galiza ten compromisos de pago por 2.335 millóns de euros até 2040 derivados de actuacións executadas mediante contratos de colaboración público-privado. Entre estes, atópanse, a maiores do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía AG-56 Compostela-Brión, a autovía da Costa da Morte, a autovía AG-52 coa fronteira portuguesa os as vías rápidas do Salnés e O Barbanza.

Porén, as obras realizadas por este procedemento non computan como débeda nos orzamentos galegos, polo que o economista e colaborador do suplemento “Producir” de Nós Diario, Joam Romero, advirte dunha débeda pública total de 14.515 millóns. “Supón unha débeda acumulada a finais de 2021 de 12.321 millóns”, di, unha cantidade á que hai que sumar “os 2.194 millóns que nesa data ficarán pendentes de pagamento por contratos de colaboración público-privado”.

As perspectivas do Goberno galego non son optimistas para 2021. Segundo as previsións recollidas no Informe económico financeiro do proxecto de orzamentos de 2021 da Xunta da Galiza , “a débeda pública alcanzou o importe de 11.315 millóns de euros e está previsto que a finais do ano 2020 sexa de 11.551 millóns de euros, e para 2021 a previsión coherente co orzamento que se presenta é de que logre os 12.321 millóns de euros, que suporá un incremento da mesma de 770 millóns, os previstos na conta financeira dos orzamentos para 2021”.

Na mesma liña destaca que “a evolución da ratio débeda/PIB desde a última ratio anual informada polo Banco de España correspondente ao ano 2019, un 17,5%, aumenta 2,5 puntos” e “así en 2020 está previsto fechar cunha ratio de 19,5%”.

O pago dos intereses da débeda representa unha pesada carga nas contas galegas. En 2009 a Xunta da Galiza destinou 111 millóns a facer fronte ás súas obrigas financeiras e a contía aumentou a 143 millóns en 2020, malia teren descendido de maneira considerábel os xuros. Romero destaca, nesta liña, “a evolución á baixa dos xuros de referencia nos mercados financeiros desde hai mais dunha década e, loxicamente, a débeda nova se vai emitindo a xuros menores. Porén o principal da débeda segue a se incrementar”.

O modelo de financiamento como causa

A débeda pública galega non se pode disociar do actual sistema de financiamento. Se a posición de Núñez Feixoo negándose a acudir nun primeiro momento ao Fondo de Liquidez Autonómico ou as dificultades xeradas pola situación derivada da gran recesión viñeron agudizar o problema, as razóns últimas da alza da débeda pública están ligadas a un modelo de financiamento que se ten demostrado insuficiente para asumir os custos dos servizos públicos esenciais na Galiza.


Segundo os datos fornecidos polo economista e presidente da comisión de Economía do Parlamento da Galiza entre 1997 e 2005, Xosé Díaz, de 2009 a 2018 o Estado transferiu á Galiza, para atender os servizos públicos fundamentais, 15.086 millóns de euros menos do seu custo real. Así, en 2018, a última anualidade da que se dispón da liquidación orzamentaria, o valor da prestación destes servizos básicos ascendeu a 7.006 millóns de euros, mentres que o recibido do sistema de financiamento para esa finalidade foron 5.980 millóns de euros. Só nese exercicio, o desfase orzamentario situouse en 1.025 millóns de euros.


As cifras referidas a 2018 non son unha excepción. Tomando como referencia as magnitudes de toda a serie histórica após a aprobación do actual modelo de financiamento en 2009, as transferencias do Estado para sufragar os custos dos servizos básicos colocáronse en todas as anualidades en 1.000 millóns por baixo da contía precisa para a súa prestación. Malia que este fenómeno se agudiza na última década, a insuficiencia orzamentaria vén de vello e pon o foco nun sistema de financiamento que garanta a suficiencia económica da Galiza.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/debeda-publica-chega-aos-11551-millons-2020/20210111175936113506.html


© 2021 Nós Diario