Cronograma

O debate para investir Sánchez presidente será o 22 e 23 de xullo

O día 22 e o día 23 deste mes son as datas elixidas para que teña lugar o debate de investidura do presidente do Goberno español en funcións e candidato do PSOE á reelección, Pedro Sánchez.

pablo casado pedro sanchez la moncloa
photo_camera [Imaxe: Moncloa] Á dereita, Pedro Sánchez, nunha conversa con Pablo Casado.

A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, anunciou pasado o mediodía desta terza feira que o debate de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central terá lugar os días 22 e 23 de xullo.

Na primeira das sesións prevese que Sánchez pronuncie o seu discurso ás 12 horas e que os grupos parlamentares poidan responder a partir das 16 horas. Será a quenda de Pablo Casado (PP), Albert Rivera (Ciudadanos), Pablo Iglesias (Unidas Podemos) e Santiago Abascal (Vox).

Na xornada da terza feira intervirán Gabriel Rufián (ERC), Aitor Esteban (PNV) e os representantes do grupo mixto (Junts, Bildu, Coalición Canaria, Unión del Pueblo Navarro, Compromís e o Partido Regionalista Cántabro).

A primeira votación -o candidato sairía eleito presidente por maioría absoluta, co apoio de 176 actas- decorrerá esa mesma terza feira, día 23 de xullo. Comezaría entón o prazo de dous meses para elixir candidato ou habería que repetir eleccións.

A segunda votación terá lugar o 25 de xullo e nela o candidato sairía eleito por maioría simple. No caso de que ningún candidato obtivese a confianza do Congreso, o 23 de setembro disolveríanse as cámaras e convocaríanse unhas novas eleccións xerais aos 47 días, o domingo 10 de novembro.

Nas próximas semanas, Sánchez tratará de sumar apoios con Podemos -que esixe ocupar ministerios-, co PNV, Compromís e PRC. Necesitaría tamén a abstención de JxCat, ERC ou de Bildu.

Comentarios