Sesión de control ao presidente no Parlamento

De servos e separatistas

Feixoo marca o ton de cada mini-debate na Cámara. Esta cuarta, volveu poñer o mono de operario fabril e agarrou a bandeira da Galiza contra Pedro Sánchez, retratou Caballero como político servil co goberno do Estado e acusou o Bloque de querer que o 061 funcione mal. Ana Pontón pediu ao remate que retirase esa afirmación. O presidente da Cámara tampouco considerou oportuno modificar o diario de sesións.
Feixoo
photo_camera Feixoo, durante o debate no Parlamento esta cuarta feira.

Gonzalo Caballero (PSOE) conseguiu as primeiras táboas no cuarto dos asaltos directos con Feixoo. Ana Pontón (BNG) reclamou a dignidade das institucións diante da familia do falecido hai uns días no Deza por falta de auxilio dunha ambulancia. Antón Sánchez (Común da Esquerda) insistiu en que o presidente goberna para as empresas, non para as maiorías social. Todo dentro dunha orde. O debate en formato de peto (a iso se reduce o pim-pam-pum de cada sesión de control ao Presidente) non moverá posicións nas enquisas. 

A noticia da sesión estivo no palco de público. Familiares do home falecido hai uns días na comarca do Deza asistiron ao pleno e obrigaron a Feixoo a prometer, agora si, que “haberá unha ambulancia para o Deza”. Foi despois da insistencia de Ana Pontón, que lle recriminou a Feixoo que intentase agochar en datos unha realidade: a comarca leva dez anos sen mellorar a dotación... até que pasou o que pasou. Feixoo cedeu (non se sabe se como estaba previsto ou pola presión de ter diante aos familiares). Se foi unha cesión, non lle saíu gratis ao BNG, que tivo que escoitar do Presidente a serie habitual de recriminacións (que se falan de presos políticos, que se piden que se anule unha sentencia do Supremo, a dos presos políticos, que se son radicais e extremistas...) e unha aínda máis grave.

Ana Pontón, esta cuarta feira no Parlamento.Preguntouse Feixoo se o 061 non funcionara ben o día de Angrois ou a noite do Marisquiño, e díxolle a Ana Pontón que o mesmo o Bloque quería que o 061 tivese funcionado mal. O presidente da Cámara, Miguel Santalices, negouse a retirar do diario de sesións esa afirmación tal como pediu a portavoz nacionalista entre os apupos da bancada popular que xa esquecera que a familia seguía alí. O barullo foi considerábel. Ás veces as institucións esquecen a quen representan ou simplemente xa non gardan as formas porque a representación esgota en si mesma. 

Non houbo máis boas novas, nin malas. Gonzalo Caballero, de traxe azul escuro, garabata desmesuradamente longa e verde, mellorou algo as súas prestacións como piloto do socialismo galego. Desta volta, empate. 

Caballero errou, iso si, na súa resposta á prédica popular de colocalo da man de “separatistas” e outros diaños. Teimou en debuxar Feixoo como o novo Gallardón, liberal no traxe, ultra por dentro (metáfora a desbotar: xa ninguén lembra Gallardón) e situalo como socio de Vox. Tampouco impactou.  A resposta de Feixoo si. “Ninguén fala de Vox, pero vén vostede ao Parlamento a facer de telonero de Abascal e promocionar o mitin de mañá”.   

Feixoo goza no confronto con Caballero. Tanto, que aproveita cada réplica para baterlle a el e ao resto de grupos da Cámara. Por momentos, esta cuarta, o debate de peto apuntou máis aló das circunstancias presentes. Sen moita altura. 

“Non entenden a centralidade porque non teñen proxecto de país”, respondeu Feixoo, e rematou mirando ao Bloque e ás confluencias: “Centralidade é non pactar con Bildu”.

Caballero reprochou a Feixoo que o PP teña abandonado a “centralidade” (que debe ser o novo nome do gran caladoiro de votos). “Deixou a centralidade porque non atende os problemas das galegas e galegos”, sostivo Caballero. “Non entenden a centralidade porque non teñen proxecto de país”, respondeu Feixoo, e rematou mirando o Bloque e ás confluencias: “Centralidade é non pactar con Bildu”.

Despregado todo o seu repertorio, o presidente non tivo medo a volver enfundarse o mono de operario. Feixoo defende Galiza e defender Galiza é defender traballadoras e traballadores do país. Póñanlle unha estrela vermella e queda pouco para que o novo Gallardón se afilie ao BNG. Por esa vía (“separatista”?) Feixoo está desatado. Mirando ao Bloque e a Anova díxolle a Caballero: “Vostede é un servo do goberno de Sánchez, eu son servil coas galegas e galegos. E non son nin serei servo de ningún goberno de España”. Nin Fraga tivo unha deriva igual.

Comentarios