Opinión

De quen son os fillos?

Na familia patriarcal os fillos son propriedade dos que os fan. Nacen sen direitos e debendo agradecemento eterno e obediencia total aos que lles deron a vida. Nesa familia todo funciona ao contrario de como tiña que ser, empezando porque nela os fillos son para os pais e non os pais para os fillos, que sería o natural. A crenza de que o mando pasaba dun deus varón e patriarca aos varóns humanos cuxo destino era virar patriarcas e receber os fillos que o deus quixera enviar, valeu para dar orixe divina ao autoritarismo. Impúxose un sistema no que os fillos, é dicer, as mulleres e os homes todos, no final de contas non son dos pais, senón dos deuses que os envían. O deber dos pais é lecionalos na obediencia, ás autoridades familiares primeiro e ás demais autoridades depois.

O patriarcado instituíse para asentar autoritarismo, xerarquía e superioridade e inferioridade natas, e a familia foi a célula básica dun sistema dirixido a impor mando e submisión desde o principio. Por iso non se quixo nunca que os pais educasen os fillos. Sería darlles importancia, e o que se buscaba era que mulleres e homes naceran insignificantes e se conformaran có que mandaran as autoridades.

A mellor proba de que a familia non foi nunca para educar, e que iso era mesmo o que non se quería que fixera, está no feito de que se mantivese as mulleres na ignorancia, sen permitirlles cultivar o intelecto con estudos que as afastarían do seu destino “natural” de seren nais. O destino único das mulleres no patriarcado foi entregar fillos varóns aos homes para que houbese continuidade da familia por liña masculina. O deber das nais foi ensinar desde o comezo da vida desigualdade, xerarquía e superioridade e inferioridade natas. As nais foron as encarregadas de inserir nos fillos a idea de que o varón era superior e a muller inferior e de adentrar nas fillas que debían subordinación aos homes.

Por que as nais non se rebelaron e non defenderon as fillas? Por ignorancia, porque os que manexaron as relixións fixéronlles crer que así estaba mandado polos deuses, e porque elas subían de categoría tendo fillos varóns e podían dominalos e influír así no mundo masculino e “superior”.

E se os pais non educan os fillos, quen os educa e quen os debían educar? Ou chegamos á conclusión de que mellor seguir con todo igual e que os pais non están para educar, e iso significa continuar có patriarcado por moito que poda parecer que as conquistas feministas van acabar con el, ou habería que pensar nos direitos dos fillos e se un deses direitos tería que ser o de que os pais os eduquen e preparen para a vida. Deberán ser os pais, e sobretudo a nai, os principais educadores dos fillos? Ou deberán ser as institucións docentes e o Estado? Pero institucionalizar a educación, a diferenza da formación intelectual ou profesional, é deixala en mans das elites relixiosas, políticas, sociais e económicas e entregarlles a esas elites os fillos, é dicer, as mulleres e os homes todos, para que os adoutrinen no que a elas lles conveña. E significa non dar nunca, nen ás mulleres nen aos homes, o cuidado e a atención particular que precisarían para desenvolver o seu potencial, que é o que non receben na familia patriarcal, centrada na procriación rutinaria e en traer ao mundo servos benmandados. O que se quer no sistema patriarcal é que impere a rutina e a repetición e que non xurda o espírito de criazón, que require a formación das aptitudes humanas e leva á independencia e á liberdade.

O chamado machismo, o abuso sexual e a mutilazón física e psíquica das mulleres son produto do patriarcado e cultívanse na familia patriarcal, que segue sendo a “familia ideal” de todos os países, todas as relixións e todas as sociedades. Tería que ser tarefa feminista, de mulleres e de homes, pois que eles están tan mutilados e diminuídos polo patriarcado como as mulleres, demoer a familia patriarcal e substituíla por unha familia na que os fillos non nazan para seren propriedade dos pais, nen do Estado nen dos que dominan as institucións. E sería unha revolución notável o que iso traería.

Comentarios