Naval: o BNG presiona a Rajoy en Madrid, mentres os traballadores preparan novas marchas

A portavoz do BNG no Congreso español criticou a Rajoy e Rubalcaba por se amosaren satisfeitos perante os resultados dun Consello europeo que "só destrúe emprego". O naval de Vigo e Ferrol sairán esta quinta feira ás rúas para rexeitaren a devolución das axudas consideradas pola UE "ilegais"

Olaia Fernández Davila no Congreso español
photo_camera Olaia Fernández Davila no Congreso español

En sesión plenaria após o Consello europeo da pasada semana en Bruxelas a portavoz do BNG no Congreso español, Olaia Fernández Davila, arremeteu contra o presidente do Goberno, Mariano Rajoy e do partido maioritario, Alfredo Pérez Rubalcaba, por se amosaren satisfeitos cos resultados tirados da xuntanza. 

"Unha satisfacción que non podemos entender", asegurou a nacionalista en estreita relación coa anunciada devolución das axudas do tax-lease que as autoridades comunitarias imporán ao naval privado. Nin Rajoy nin Rubalcaba se referiron nas súas intervencións á decisión adoptada pola Comisión europea que suporá a destrución de 80.000 postos de traballo, de entre eles, "15.000 só na Galiza", salientou Fernández Davila. 

Almunia afirma que hai "marxe" para mudar a decisión sobre o tax-lease mais o sector esmorece e exixe solucións 

Para a voceira do Bloque "non podemos entender que manifesten satisfacción por uns acordos do Consello Europeo que nen sequera é capaz de facer unha política para crear emprego. Só destrúe traballo", abocando un "sector industrial estratéxico" á desaparición. 

Neste senso, a nacionalista criticou con dureza que o goberno español "non fixese todo o que podía facer para resolver o problema". "É unha vergoña que o Goberno español e o galego non fagan unha defensa do sector naval", denunciou Olaia F. Davila desde o plenario da Cámara baixa.

Para a representante do BNG "non se trata de que a UE perdoe nada" nen que a Xunta e Madrid "recorran á legalidade" pois, dixo, "é unha cuestión política" na que Goberno e oposición deberan defender "algo tan fundamental", considerou, "como que o noso sector naval poida seguir producindo". 

Traballadores do naval sairán ás rúas na defensa dos seus postos de traballo
Vigo e Ferrol acollerán esta quinta feira senllas manifestacións para exixiren unha solución para o naval galego. Na cidade olívica o naval da Ría de Vigo concentrarase diante dos estaleiros Metalships e Barrreras a partir das 10.00 horas e despois percorrerán en manifestación distintas rúas da cidade. Por súa banda, en Ferrolterra os traballadores e traballadoras de Navantia-Ferrol marcharán a pé até Navantia-Fene para finalizaren na vila nun novo protesto a prol do sector. 

Comentarios