Denuncia de Ana Miranda

Os datos enviados pola Xunta a Bruxelas sobre o eucalipto, baixo sospeita

De “escándalo institucional” e de “falsos”. Así cualifica Ana Miranda, eurodeputada do BNG, os datos que o Goberno galego remitiría á UE en relación á superficie ocupada polo eucalipto nos montes galegos.

[Imaxe: Iain Colquhoun] Eucaliptos
photo_camera [Imaxe: Iain Colquhoun] Eucaliptos

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, puxo de manifesto na mañá desta sexta feira que dada a resposta do comisario de Medio Ambiente da UE a unha pregunta sobre se Bruxelas coñecía que o Goberno galego “fomenta o cultivo de especies invasoras pirófitas como o eucalipto”, a Xunta emitiu “datos falsos”.

“A Comisión é consciente do uso de especies de eucalipto” no monte galego, mais “o programa de desenvolvemento rural exclúe o aumento da superficie forestal con esta especie”, sinalou Ana Miranda a respecto da resposta que lle deu o comisario Karmenu Vella.

Segundo a informacións das que dispón o Bloque, “[o cultivo de eucalipto]incrementouse no duplo da cantidade prevista”. “Estánselle a pasar datos falsos á Comisión Europea”, engadiu Miranda, “e cando realiza unha resposta deste tipo sobre a prevención de incendios, resulta que confirma que os datos non se corresponden”.

O Plan Forestal impulsado polo Goberno Feixoo propón aumentar 22.000 hectáreas o eucalipto. O parlamentar Xosé Luís Rivas “Mini”, que acompañou Miranda na súa intervención diante da prensa, rebateu que o eucalipto dea diñeiro. Puxo como exemplo o feito de que “3.000 empresas da madeira foron ao tacho” e advertiu dos prexuízos que sofre por culpa do eucalipto a biodiversidade, “acurralando a explotación do leite, da horta e toda a posibilidade de que o país emerxa outra vez”.

Ana Mirando sinalou que en caso de que se confirme que a Xunta enviou “datos falsos”, presentará unha denuncia perante o Tribunal de Contas Europeo. Para a europarlamentar nacionalista estamos diante dun “escándalo institucional”.

Comentarios