É director xeral de PuntoGal, xornalista e profesor universitario

Darío Janeiro: "Un dominio propio identifícanos como cultura e como lingua"

Conversamos sobre a última campaña da asociación, que promove a compra dun dominio galego por tan só 10 euros e falamos, tamén, da visibilidade da nosa lingua e da nosa cultura en internet e das outras campañas desenvolvidas por esta entidade sen ánimo de lucro.
foto1_Dario
photo_camera Darío Janeiro.

—En que consiste a campaña Setembro PuntoGal?
É unha das moitas campañas que facemos durante o ano. Normalmente, levamos a cabo unha en febreiro, que dura todo o mes e que consiste nun concurso de microrrelatos, que organizamos coa Real Academia Galega, e que xa vai pola súa terceira edición. E esta campaña de agora facémola, normalmente en maio, coincidindo co Día das Letras, e facemos outra arredor do 25 de xullo, pero ao estarmos en confinamento, decidimos facer á volta do verán unha convocatoria especial. Pensamos naquelas persoas ou entidades que quixesen mercar un dominio a un prezo menos gravoso, cremos que dez euros é bastante asumíbel, e arrancamos esta campaña que dura todo o mes de setembro.

—Que ten que facer unha particular ou unha empresa para mercar o seu dominio .gal?
É moi fácil, simplemente hai que entrar na web dominio.gal, e hai unha sección dedicada á campaña en concreto. Aí podes elixir a empresa rexistradora coa cal queres o dominio e premes nela, entras na súa páxina, e xa teñen activada a maneira de que, cando fagas o rexistro, só haxa que pagar eses dez euros.

—Cales son os principais obxectivos da campaña e cal é a importancia de ter este dominio?
O noso obxectivo é conseguir que cada vez haxa un maior número de particulares, entidades, tecido asociativo, institucións... que utilicen o dominio. Porque nos identifica como cultura e como lingua nun espazo e, non só pola complicidade do momento actual, senón tamén porque nun mundo tan globalizado é importante que a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa tecnoloxía se fagan visíbeis na rede. Para iso non hai nada mellor que un identificador propio e somos unha das poucas zonas do mundo, que non sexan Estado, que temos esa posibilidade. O segundo grande obxectivo que temos é financiar, cos ingresos que conseguimos da venda de dominios, proxectos que repercutan na sociedade e no ámbito da tecnoloxía. Nesta dirección facemos cousas como patrocinar a selección de fútbol gaélico, un deporte minoritario moi identificado coa nosa cultura, ou traducións de software ao galego... É a nosa maneira de devolver un pouco a confianza que ten a xente que participa das nosas iniciativas.

—E como vai este Setembro PuntoGal agora que está a campaña no seu ecuador?
O número de rexistros que conseguimos é algo que sen dúbida nos satisfai, porque sempre hai xente que aproveita a campaña para adoptalo, pero máis que en campañas concretas o que nos interesa na asociación é a evolución ao longo do tempo. Tendo en conta as nosas circunstancias como país, o feito de que a día de hoxe teñamos case 5.500 dominios rexistrados é moi positivo.

—PuntoGal forma parte de GeoTLD, que promove as identidades dixitais locais. Que implica iso?
Forma parte do noso terceiro obxectivo, menos visíbel, e que se basea no feito de que se nós temos un dominio en internet, temos a opción de formar parte do goberno da rede, porque os dominios están xestionados por un entidade de ámbito mundial, ICANN (Corporación de Internet para a Asignación de Nomes de Dominio, na sigla en inglés), que organiza o funcionamento de internet a nivel mundial. Se estamos aí podemos participar da decisión de como é o futuro da rede. E logo hai entidades que funcionan arredor da ICANN e nas que tamén estamos, como son a asociación na que están as empresas rexistradoras e outra que é o grupo dos GeoTLD. Neste grupo estamos os dominios que teñen que ver con cidades ou áreas determinadas, como tamén pode estar Bretaña, Cataluny.a... Desde o grupo GeoTLD vélase por promover estas identidades locais que non temos un Estado propio e desta maneira conseguimos que os nosos dominios, que son máis pequenos, teñan unha maior visibilidade.

—Outra campaña aberta agora é o Spin-Off PuntoGal. De que se trata?
Trátase dunha iniciativa que premia tres tipos de empresas: as que saíron das universidades públicas, aquelas xa estabelecidas e tamén os grupos de investigación que traballan hoxe nas universidades. Baseamos o certame nunha serie de criterios que consideramos de moita relevancia, como que haxa suficiente presenza de mulleres nos órganos de dirección ou que utilicen o galego nas comunicacións. Para isto temos un xurado composto por mulleres, pertencentes ao ámbito da investigación ou ao ámbito da empresa, que son as que van decidir cales destas iniciativas son as que merecen ser premiadas. 

"Tivemos campaña no confinamento"

Até a chegada do confinamento, PuntoGal puido levar adiante o seu concurso de microrrelatos, pero logo houbo de adiar as clásicas campañas das Letras e do 25 de xullo. Así e todo, a asociación non deixou de sacar proxectos adiante. "Durante o confinamento tamén tivemos unha campaña en colaboración coa empresa rexistradora Dinahosting", tamén comprometida co galego. Darío Janeiro explica o funcionamento da campaña e di, "a aqueles pequenos negocios, ou persoas autónomas, ou xente da cultura que estaba a ter problemas porque non podía realizar o seu traballo regalámoslles, durante un ano, un dominio PuntoGal, sumado a unha conta de correo electrónico e a un aloxamento web". Desta maneira, relata o director xeral da asociación, "puideron continuar o seu labor a través da rede".

 

Comentarios