Opinión

Dar o paso

Quen me coñece sabe que son unha muller de esquerdas, atea e combativa. Tiven que selo, nacendo nunha familia de clase traballadora cunha discapacidade importante que, en principio, me daba bastantes papeletas para quedar na beira do camiño, ou, cun chisco de sorte, na casiña. Porque os minusválidos (pobriños) son seres indefensos, menores, sen voz nin voto. Todo se fai pensando no seu ben. E onde van estar mellor ca na casa?

A miña familia rachou iso e sempre me apoiou. A nena ten limitacións? Aceptámolas, pero imos axudala potenciando o que si pode facer. A nena vale para estudar? Que estude, pero sen perder o tempo, que non sobran os cartos. Así, se quería renovar a bolsa, tiña que fincar os cóbados e aspirar a un 9 onde outros se conformaban co 5 raspado. Grazas a iso e á miña determinación por integrarme nun mundo que non está deseñado para as mulleres que rachamos o estándar, teño hoxe unha vida independente e digna. Meu pai vive hoxe comigo na miña casa e non eu con el: esta sutil diferenza implica moitas cousas. A mais importante de todas, a capacidade de decidir.

Considérome unha muller feliz e realizada. Cando alguén me pregunta cal é o segredo para vivir tan a gusto tendo mobilidade reducida, non dou bonitas respostas prefabricadas porque nunca crin nos vendedores de felicidade

Considérome unha muller feliz e realizada. Cando alguén me pregunta cal é o segredo para vivir tan a gusto tendo mobilidade reducida, non dou bonitas respostas prefabricadas porque nunca crin nos vendedores de felicidade. Pero sempre digo que me considero afortunada por ter nacido en Europa, no século XX, con avances médicos, servizos públicos, tampóns e anticonceptivos ao meu dispor. Nacer cunha discapacidade é unha desgraza, si, pero nestas coordenadas menos ca noutras partes do mundo, eses lugares esquecidos das que xa teño falado neste xornal. Eu son quen son grazas á miña familia e á sanidade e á educación pública. Nunca o agochei e non me cansarei de dicilo, porque para min é un orgullo.

Por todo isto, o seguinte paso natural para alguén coma min era a acción política. Cando comentei ás miñas amizades máis íntimas que ía como independente nunha candidatura do BNG para estas vindeiras eleccións municipais do 26 maio, ningunha se sorprendeu. Tras un enorme sorriso, a frase unánime foi: “Fai falla xente coma ti na política”. Non podo xulgarme a min mesma, pero si sei que chego chea de ilusión, afouteza e coas orellas ben dispostas a escoitar e aprender. Eu dou o paso porque síntome na obriga moral e cidadá de devolver sequera unha parte do que o Estado de Benestar ten feito por min. Despois de tantas loitas persoais para chegar a acadar o meu proxecto de vida, creo que chegou o tempo da batalla colectiva. Polo benestar de todos.

Os servizos públicos e a atención aos colectivos máis vulnerables, os dereitos sociais e a loita pola igualdade teñen sido historicamente os grandes piares nos que se alicerza o noso modo de vida actual

De ben nacidos é ser agradecidos e eu só podía comprometerme co partido que defende incrementar o investimento protección social ata atinxir a media do conxunto da Unión Europea, o dereito á educación universal e de balde para todos os galegos e as galegas de 0 a 18 anos e unha única rede de ensino pública, sen concertos, ben dotada con medios e profesorado suficiente. Puiden comprobalo recentemente, cando fun convidada polo centro no que estudei a dar unha charla sobre a miña profesión e os meus libros. Eu abrín camiño: fun a primeira estudante con discapacidade da comarca e completar o bacharelato e acceder á universidade. Hoxe, en 2019, unha estudante dese mesmo centro dispón dunha coidadora persoal para facilitar a súa integración. Para que o ensino sexa verdadeiramente inclusivo e permita compensar desigualdades, ten que contar con medios e profesionais de apoio, non só con discursos buenistas que non se traducen en medidas reais.

Os servizos públicos e a atención aos colectivos máis vulnerables, os dereitos sociais e a loita pola igualdade teñen sido historicamente os grandes piares nos que se alicerza o noso modo de vida actual. O mesmo que se está a ver seriamente ameazado polo xurdimento de partidos de extrema dereita que alimentan o medo, a ignorancia e o esencialismo rancio como armas de confrontación. Non corren bos tempos para a política, mergullada no descrédito de tantos anos de corruptelas e fraudes. Pero, mal que nos pese, todas as persoas somos políticas, porque está en xogo o noso modo de vida. Por iso este 26 de maio, eu dou o paso, moi ben arroupada por unha organización coma o BNG. Non podía ter sido outra.

Esta primavera promete ser ben entretida. Eu dou o paso e dou a cara. Por todos os que antes a deron por min. Avante!     

Comentarios