Opinión

Daniel

O vindeiro sábado recordaremos os cento trinta e cinco anos do nacer de Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza. Non seremos das e dos esquecedizos. Militamos na nosa memoria cívica. E polo tanto a esta non a queremos dispersa posta en superficialidades, chea de ritos sen contidos, nin con esquecementos e cortinas de fume con mantos político-mediáticos que nos queiran facer ver o que non é. Non a queremos sentada onde ninguén a recorde, nin a manteñan agoniante e desactivada, inofensiva ou vendida por capítulos. Moito menos negada en oratorias ecoantes de “follaxe” de imprentas, ou outros soportes. A memoria, como coas abellas, non hai que afumala para minguar a xustiza, a ira, a reparación. Mellor lume limpo de bo arder. Por iso, nas nosas referencias esenciais, como é o caso de Daniel, buscamos viaxar pola nosa xeografía da memoria, significando a do terror desatado polo golpe militar (e boa parte civil) do trinta e seis e demais tempos consecuencia deste. Esa mostra de intencións xenocidas contra parte da poboación que pensaba diferente. Velaí na restauración e na xustiza, na verdade, tamén a de Castelao, o casamento obrigado da memoria da dolor coa felicidade.

Na presenza de Daniel Castelao, pois con el vai un considerado impulso de cohesión e convivencia, toca seguir tamén as súas intuicións no facer nacional galego. Facer levado na mornura da Patria e na esencia da identidade do noso Pobo. Como dicía Avelino Pousa, presidente da Fundación Castelao e referíndose á II Asemblea do PG do ano trinta e dous (el con dezaoito anos): “Galiza ten de ser a “idea-forza” de toda unha renovación”.

Comentarios