Opinión

Dani Giménez suma para ascender

Como partido, foi atractivo para o espectador. Pero desde o punto de vista práctico, o punto sumado en Cerro del Espino sabe a pouco porque a media inglesa da que todo o mundo fala nalgún sitio ten que dar un punto de inflexión. Xa se verá se resulta tan positivo como algúns vaticinan. Tamén é certo que dá a impresión que en Cerro del Espino algún dos grandes da categoría de prata han patinar.  

O Rayo Majadahonda fixo un bo partido ante o Dépor. Se non chega a ser por Dani Giménez, o equipo de Natxo González sae escaldado de Madrid. Foron moitas as paradas que realizou e moitas as que salvaron o partido. Dani Giménez está a darlle moitos puntos ao Dépor. Está converténdose nun porteiro da valía de Aranzubía, Molina, Songo´o ou Liaño. Tendo en conta o desastre que supuxo a campaña anterior arredor da xestión da portería, este ano, polo de agora, só pode cualificarse de matrícula de honra. 

Por tanto, a clave do partido, indudablemente, foi Dani Giménez. O porteiro deulle un punto ao Dépor e demostrou aos críticos que a fichaxe tiña bases sólidas. Sorprende que vivise na suplencia no seu pasado e que alguén soubese ver que, malia os poucos minutos e as poucas titularidades, había un líder baixo os paus detrás de Dani Giménez. Sen dúbida, Dani é un piar na columna vertebral do Dépor, para desgraza de Ortolá, que chegara á Coruña coa vitola de proceder da canteira de Can Barça.

O partido foi vistoso para o espectador porque nas dúas áreas houbo perigo e posibilidades de gol. No Dépor Carlos Fernández e Quique González puideron marcar en varias accións. Desta vez a sorte non foi con eles. Toda a sorte quedou baixo os paus de Dani Giménez. Unha vez máis, no Dépor de Natxo a banda esquerda foi máis importante que a banda dereita. Saúl de novo estivo xenial nos metros finais centrando e servindo balóns para ser rematados con finura. Carles Gil colaborou nesa parcela, sendo máis visible e perigoso cando aparecía polo lado esquerdo que polo dereito.

O partido foi vistoso para o espectador porque nas dúas áreas houbo perigo e posibilidades de gol

 

A outra clave foi o colexiado, porque se tragou un penalti a Carlos Fernández e non viu outro a Pablo Marí. Non ver un dos dous penaltis é un erro gravísimo que deixa en mal lugar a calidade das arbitraxes en Segunda División. Concretamente o deste colexiado tinerfeño, Trujillo Suárez, é un clamoroso exemplo. Se o Dépor lograse marcar en Majadahonda un deses penaltis a clasificación de hoxe non sería igual, porque abriría oco a respecto dos postos de promoción e colocaríase líder cos mesmos puntos que o Alcorcón.  

O empate suma e traslada á estatística, por agora, un balance positivo porque o equipo conserva postos de ascenso directo á Primeira División. Pero será máis positivo se nos próximos partidos de casa os tres puntos en xogo fican en Riazor. Cuestión de afinar puntería e seguir conservando as fortalezas que até agora acompañan o equipo partido a partido. A dos postos de ascenso directo é extremamente delgada, manterse pendurado a esa liña é o reto da temporada. Non perder o equilibrio é un triunfo. O problema é se hai ou non hai rede. Polo momento, a rede non ten moito fío.

Comentarios