Opinión

Dalsy e... a xogar

Mañá comeza o novo e imprevisíbel curso escolar á miña filla, e aínda que son unha convencida da necesidade da educación presencial, confeso que este ano pagar a conta dos libros de texto e o material que nos esixen no cole agora que non se pode compartir nin unha goma de borrar, doe máis que nunca. E é que máis alá dos grandes titulares que Feijóo nos ven deixando durante toda a pandemia e nas últimas horas nos discursos da súa investidura, chamádeme rariña, pero por máis que busque certezas atopo poucas.

Certeza, pode que a palabra máis repetida por Feijoó nos últimos tempos.

Entre o material que me pediron para o cole están varios dicionarios, así que de volta á casa da libraría busco as acepcións deste termo fetiche do presidente e quedo coa que fai referencia a certeza como: convencemento ou autenticidade. Sendo así, e namentres trato de pensar en calquera cousa menos nos 300 euros que veño de pagar, lembro que o presidente repetiu coma un mantra que as galegas e galegos precisabamos as certezas que o PP representaba na xestión da sanidade e da educación. Eu, coa avultada factura dos libros e do material escolar aínda pesando coma unha lousa no peto, cavilei sobre as certezas que manexamos sobre a volta ao cole. No mes de xuño, o noso presidente tiña a certeza de que en Galicia non precisabamos cartos para adaptar a nosa educación á era covid, e por iso pediu, foi o único presidente que o fixo, poder dedicar eses cartos a outros mesteres, agora en cambio, os 93 millóns de euros desa partida di que son insuficientes e ten a certeza de que é inxusto non recibir máis. A iso chamo eu convencemento! A ver se me vai dar por buscar tamén o significado de estabilidade e continuidade e despois dos relevos nas consellerías de educación e sanidade estóupame o recentemente estreado dicionario e a continuación a cabeciña!

Ao final, a única certeza de cara á volta ao cole para moitas nais, pais, profesoras e profesores preocupados pola falla de previsión, de medidas e de recursos por parte da Xunta, é que algúns na casa optarán por iso de Dalsy e a xogar (dito isto ao estilo de El Precio Justo).

Comentarios