Dairylac pasa a chamarse Galacteum e reivindica a innovación no sector lácteo

Torre de secado de Galacteum
photo_camera Torre de secado de Galacteum

Dairylac, a empresa participada por Xesgalicia e as cooperativas  Aira e Codeira, inicia unha nova etapa na súa andadura baixo unha nova denominación. Galacteum é o nome elixido para esta etapa, na que a misión seguirá sendo xerar valor no sector lácteo a través da investigación e a aposta en novos produtos. 

O sector leva anos traballando no leite envasado e pagando as consecuencias dunha política de prezos que non permite que as produtoras poidan cubrir custos. Como sinalan desde Galacteum a Nós Diario, Galiza é o oitavo territorio lácteo a nivel europeo, con case 40% da produción do Estado español, pero ten unha débil posición á hora de xerar valor, "só supón 10% do valor engadido bruto". 

Os cambios chegan tamén á súa estrutura organizativa. Iago Quintana abandona a dirección xeral para embarcarse nun novo proxecto empresarial. Colle o relevo Juan Cordonié, que marca como obxectivos o crecemento da compañía en cada unha das súas liñas de negocio, o incremento do peso da innovación e a aposta en proxectos de economía circular.

Na actualidade, Galacteum ten en marcha varios proxectos de investigación. É o caso de Varal, orientado á valorización de subprodutos e efluentes da industria láctea para a obtención de auga de regadío ou de proceso e biogás para autoabastecemento. Eses mesmos subprodutos están a ser analizados para outro proxecto, Biopol, no que Galacteum, en consorcio con outras institucións, trata de obter bioplásticos que posteriormente se poderían empregar na absorción de metais pesados ou a encapsulación de aceites esenciais, entre outras aplicacións.

Alimentación infantil

A torre de secado do complexo, situado no polígono da Madanela, en Melide, é un dos principais activos da sociedade, xunto coa planta de desmineralización. A compañía investiu nela 17 millóns de euros.

O soro desmineralizado en po, destinado á alimentación infantil, un mercado que está a experimentar un forte crecemento en todo o mundo, constitúe a súa principal referencia, pero tamén producen leite magro en po e outros produtos personalizados, como proteínas para suplementos alimenticios.

Pero Galacteum non renuncia ao negocio tradicional. De feito, das súas instalacións saen tamén produtos como leite e leite sen lactosa que comercializan baixo a marca Deleitar, ou manteiga e nata. Na súa oferta de produtos tamén figuran queixos das denominacións Tetilla e Arzúa-Ulloa, e xeados e nata que venden coas marcas Tres Viajeros e Folerpas, respectivamente.

Máis transformación

Como destacan desde a compañía, "canto máis se incremente a xeración de valor a través da transformación do leite e subprodutos, maior será o retorno ás gandeiras, e máis no noso caso, no que o principal accionista é unha cooperativa". 

Neste sentido, inciden na necesidade de incrementar a transformación industrial, aumentar a carteira de produtos e manter a produción para consolidar a importancia do sector na Galiza.

En canto a resultados, Galacteum fechou 2019 cun volume de negocio de 18,2 millóns de euros. As súas previsións para o presente exercicio son incrementar 10% a facturación, medrando claramente nas marxes e en mercados como o asiático.

Comentarios