Da tecnoloxía á repostería, 40 cursos a 2,5 € nunha universidade popular para o verán

Da repostería ás chaves para “desaprender o amor romántico”, pasando por fotografía nocturna, pilates, aprender a facer unha funda de pandeireta com croché ou tomar destrezas nas novas tecnoloxías de comunicación. A Gentalha do Pichel ofrece corenta cursos no prazo dunha semana na súa Universidade Popular de Verán. 

Na mesma semana dá para aprender de ecoloxismo, de xénero, de manualidades, de historia social e dereitos laborais ou de cociña. A variedade dos cursos é ampla e pódese escoller entre calquera dos ámbitos aos que se foca a nova programación da Universidade Popular de Verán organizada pola Gentalha do Pichel que decorrerá en Compostela do 13 ao 19  de xullo. OS cursos están impartidos maiormente por persoas implicadas en colectivos e movementos sociais da cidade e para se anotar compre enviar un correo a [email protected]. O prezo dos cursos é de 2,5 €  e 3 € se a persoa non é socia. Para todos os cursos, 10 e 12 €.

Entre o abano de cursos, ofrecen, no ámbito da ecoloxía xornadas para aprender a limpar tóxicos do lar, para tirar arte das caixas de froita, cociñar con sol, ou elaborar cosmética natural. En canto a xénero, “1,2,3... Conetando!”, “”Esses dias”... tenhen nome!”, “Empoderamento com as palavras. Atrever-nos a falar em público”, “Pôr a lupa sobre o micromachismo.”, “O tratamento da mulher nos meios de informaçom” ou O amor nom é como no-lo contárom. Chaves para identificar e desaprender o amor romântico” son algúns dos seus suxerentes títulos. 

Arte, en movemento, dereitos laborais...

De arte pódese aprender na semana da Universidade popular a tirar fotos na noite ou editar imaxes, facer un cartaz ou unha funda de pandeireta con croché pasando por novas tecnoloxías na comunicación con voz e costura de reciclaxe. Para viaxar e conseguir sobreviver cando non se coñece o idioma, na Gentalha ofrecen cursos de francés, catalán ou inglés, ademais de galego con sotaque. 

Na sección “Em movemento” agrupan cursos que van desde deportes a danza, foliadas ou roteiros ornitolóxicos, pasando por unha sesión para coñecer as estrelas. Dereitos laborais e novas estratexias de acción sindical son outras das propostas da Universidade de Verán que inclúe aínda cursos de cociña con cultura finesa croata e repostería tradicional galega ademais de sesións dedicadas á tradición para aprender os toques de pandeireta da zona de Tordoia, un obradoiro de Pandero de Peñaparda ou nocións para bombo ou para os pedais de efeitos de guitarra.  Máis información e datas neste enlace. 

Comentarios