Investigación de Martín Fernández Calo

Da historia política da Gallaecia

Existen amplas comarcas da historia do territorio hoxe denominado Galiza aínda por percorrer. Por unha delas adentrouse o investigador Martín Fernández Calo: a historia política da Gallaecia. Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia. Séculos II a.C. - VIII d.C. (Blukk, 2019) é o libro que recolle os seus achados e conclusións.

exemplo mapa Gallaecia
photo_camera Detalle dun dos mapas incluídos en 'Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia'. Corresponde ao capítulo 'A organización augustea', sobre o período que vai do 27 a.C. ao 70/74 d.C. Imaxe: cedida.

“A historia política non é unha disciplina moi traballada no que respecta á Idade Antiga”, explica Fernández Calo a Sermos Galiza. Na ausencia ou escaseza de fontes escritas reside a maior das dificultades. Só no século II antes de Cristo cando aparecen os primeiros documentos. “Como non hai tanto, é factíbel empregalos todos. A maiores, o meu traballo tamén sintetiza a bibliografía existente”, engade.

capa libro

A pescuda do historiador, na actualidade doutorando pola Universidade de Santiago de Compostela, comeza con papeis literarios e mesmo relacionados con mitoloxía. Andados os séculos, as mencións fanse máis específicas. Fernández Calo sitúaas na época Imperial, a partir do I a.C. Xusto nese tempo escríbense as crónicas pioneiras, entre as que el salienta a de Idácio de Chaves (390-469), bispo da cidade hoxe portuguesa e autor do Cronicón, redactado á caída do Imperio.

Con estes e algúns outros materiais -sinala por caso as actas conciliares eclesiásticas-, traza unha historia da institucionalización primitiva na Gallaecia. “O certo é que a nivel político non ten moito miolo”, admite, de xeito paradoxal, “e o único período da Gallaecia como suxeito político autónomo é o suevo. Porén, resulta interesante coñecer a evolución dende que empeza a haber fontes escritas até a conquista islámica”.

O albor do feudalismo
Mais o traballo de Fernández Calo, en orixe destinado á súa tese de licenciatura, si o levou a algunhas descubertas “relativas”, que agora investiga máis a fondo: “O desenvolvemento moi autónomo dos poderes locais fronte ao poder imperial global sobre a Gallaecia”. “Este é o tema máis interesante”, considera, antes de resumilo apurada pero substanciosamente.

foto

“Antes da chegada dos romanos, existe unha organización tribal sen estruturas civís”, relata. Coa subida ao poder do emperador Vespasiano na segunda metade do século I, “moitas comunidades galaicas constitúen unha especie de municipios, cidades Estado mediatizadas polo Imperio romano”. Ao tempo, desenvólvese a propiedade privada da terra e xorden as vilas romanas, explotacións agrarias que “conforman a base do feudalismo, unha economía señorial”. É o inicio da fin dos municipios, cuxa influencia se reduce: “O poder é menos civil e máis patrimonial”. O paso ao feudalismo quedaba franqueado.

Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia ofrece ademais dez mapas que amosan a evolución territorial da provincia romana. “Basicamente hai continuidade, mantense”, anota Fernández Calo. O libro, de 392 páxinas e 11 capítulos, presentouse este mes de xuño na Gentalha do Pichel de Compostela e está á venda no web do editorial (www.blukk.com).

Nota: a cuberta do libro e unha foto do seu autor, o historiador Martín Fernández Calo.

Comentarios