Opinión

Da guerra e da insubmisión

No território que consideran España: unha, un pouco grande e libertária na idea do Governo... creron que para calmar os folgos contestatários e o individualismo natural, nada mellor que o Exército e as Forzas de Seguranza do Estado. Segundo en qué rua e nación, por suposto. E tivemos imaxe e ordes, medallas e partes de accións e baixas na fronte.

Mentres os soberanistas cataláns reclamaban pechar fronteiras, Alberto Núñez Feijoo, moi galego e popular, era máis parcial dun "fode, can, fode, que a cadela é miña" e asi leva actuando dende primeiros de marzo, ou mesmo dende o dia 10, dous dias despois das manifestacións feministas, cando se reunia, nun xantar eleitoral, con 400 empresários en Lugo. Nihil obstat. Ou ostabat...

E meteron-nos nunha, dician, guerra contra a pandémia, na que os xenerais ditaban os ordes oportunas e a xentiña tiñamos que obedecer: non traballes, queda na casa, vai traballar algun dia, podes sair unha hora, ou duas... xa podedes mercar, non paseedes... Se non tes para comer, vai resolvendo, como din en Cuba...

E asi estabamos na guerra, ainda que non puderamos ver ao inimigo, que sabiamos que estaba aí, xustamente aí, en cada porta que abrias, en cada mazán que mercabas, no alento dun viciño. Non ollabas os seus submariños invisíbeis ou os seus avións ultrarápidos... Pero dician-nos que estaba aí.

Todos e cada un de nós cumprimos coa norma, polo noso próprio ben e polo da família. Agás os que se exiliaron en Marbella dende Madrid ou viñeron para a Galiza contaxiar-nos, fuxindo dun Madrid con virus en todos os recantos, invisíbel ameaza que ia cansando-nos aos poucos, pois que non podiamos atacá-lo, só defender-nos activa e pasivamente.

E non ver ao inimigo é perigoso. Moi perigoso: fai que te confies. Mesmo fai que nos convoquen a votar na Galiza, sen que ninguén garanta á xente das Mesas de votación que non se vai contaxiar. A guerra ainda non rematou, ou, na prática, ainda non comezou, case. Afinal, no Servizo Militar pode dar-se a insubmisión

Se Núñez Feijoo nos deixa ao rolo, aboiados no mar da incertidume sanitária, reclamo que as alcaldias soberanistas e da esquerda se neguen a sortear os membros das mesas mentres o Presidente da Xunta non garanta, por escrito e publicamente, que ninguén se vai contaxiar nos coléxios eleitorais. E se faga cargo das consecuéncias.

Reclamo o meu dereito a non exercer de membro desas mesas sen que me garanticen que non vou sair cun virus alleo no meu corpo, por riba da obriga que me impón a Lei Eleitoal e das posíbeis sancións.

Reclamo o meu dereito a denunciar, perante o Ministério Fiscal e preventivamente, a responsabilidade penal do Presidente Feijoo nun posíbel contáxio que sufra nunha Mesa Eleitoral pola obriga que me impón.

Mentres chega o dia do sorteo de virus, continuarei a non escoitar os seus sermóns e homilias e as suas epístolas orais aos galegos. E coa miña campaña persoal.

Comentarios