Opinión

Da defensa do país á construción da nación

Nestas eleccións xerais e europeas hai que pensar moi ben o que se di para non utilizar argumentos políticos que poden non expresar a realidade política actual co necesario rigor, con todos os seus matices e en toda a súa complexidade. É certo que até a chegada do BNG ao Congreso en 1996 Galiza como problema político non existiu nunca nos debates das Cortes. É un dato empírico. O noso país até ese momento nin sequera ocupaba un só minuto nas sesións do pleno e nos debates de investidura ou do chamado “estado da nación”. A principal actividade das deputadas e dos deputados das provincias galegas non ía máis aló dunha preguntiña en comisión sobre un problema local. Iso desde María Victoria Fernández-España y Fernández-Latorre. Endexamais se abordaban e se debatían en Madrid os problemas de fondo  da economía galega e da nosa sociedade. E incluso houbo moitos e moitas que non utilizaron nunca a palabra, nin desde a tribuna nin desde o escano. É un dato indiscutíbel que Galiza como nación, con todos os seus graves problemas, estivo absolutamente desaparecida no Congreso  até que chegou o BNG con Francisco Rodríguez e con Guillerme Vázquez, igual que o noso país non tivo presenza como tal no Senado até que Anxo Quintana ocupou o cargo de senador en representación do BNG e da Comunidade Autónoma. Só a partir da presenza do nacionalismo galego nas Cortes, os partidos estatais víronse na obriga de intervir no debate político, aínda que só fora para rexeitar as iniciativas políticas que o BNG rexistraba na Cámara Alta e na Cámara Baixa. Certamente, hai un antes e un despois na representación política de Galiza tras a chegada do nacionalismo galego ao Congreso. Isto con independencia dos importantes logros políticos que o BNG acadou para o país desde 1996 até que Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez Fernández deixaron de ser deputadas. E exactamente o mesmo poderiamos dicir do que significou para Galiza a voz de Camilo Nogueira, primeiro, e de Ana Miranda, despois, no Parlamento Europeo. Este é o primeiro argumento político que deberiamos utilizar nesta campaña electoral, porque é un exercicio de clarificación política e un acto de elemental xustiza co nacionalismo galego.

Claro que o problema de En Marea  xa está na súa mesma raíz, pois resulta difícil de comprender que unha organización política poida exercer como unha forza política propia se estatutariamente no seu seo pode haber militantes que o son tamén á vez de partidos estatais.

Hoxe a realidade política ten outras facianas que antes non tiña. A política non é nunca unha foto fixa. E desde logo sería faltar á verdade dicir que desde o 2015 para aquí non se falou no Congreso dos problemas da sociedade galega. Iso de que Galiza estivo ausente estes últimos anos nos debates do Congreso creo que non é xusto dicilo, porque cando menos hai que matizalo. Estivo ausente como nación, como problema político, porque En Marea renunciou desde o comezo a ser un grupo político plenamente soberano dentro do Congreso, como si o foi o BNG dentro do Grupo Mixto. Francisco Jorquera, por exemplo, nunca tivo que consensuar con ningún outro grupo o contido da súa intervención política en ningún debate. En rigor En Marea non existiu no Parlamento español como expresión política soberana dunha nación en construción. Ou dito noutras palabras: non actuou na súa práctica institucional dentro do Congreso sen deixar de pedir permiso a Podemos e de ser un complemento ou apéndice desa outra organización. Claro que o problema de En Marea  xa está na súa mesma raíz, pois resulta difícil de comprender que unha organización política poida exercer como unha forza política propia se estatutariamente no seu seo pode haber militantes que o son tamén á vez de partidos estatais. E, por certo, esa dupla afiliación segue sendo posíbel dentro da actual En Marea, tamén despois da ruptura. Mentres En Marea non resolva esa contradición principal, dificilmente se pode afirmar que é unha organización ao servizo da construción da nación galega, porque no seu seo hai militantes que non contemplan En Marea como un proxecto político para construír unha Galiza con auténtica soberanía política. De feito hai que lembrar que foi a renuncia da militancia de Podemos e de Esquerda Unida a aceptar En Marea como unha organización común o que finalmente fracturou ese corpo social. Do contrario estariamos a falar agora dunha En Marea co conxunto da militancia de Podemos e de Esquerda Unida no seu interior, o que demostra que a vontade de En Marea de ser unha forza política realmente propia, no seu significado histórico, nin sequera é, hoxe por hoxe, un obxectivo político radicalmente firme. E ben que nos gustaría que non fose así, porque sería positivo, moi positivo, para o país.

A diferenza doutras organizacións políticas, o BNG no Parlamento español, e tamén no Parlamento Europeo, sempre tivo moi presente no seu labor parlamentario ser a voz dunha nación, procurando que os seus escanos non sexan só para levar alí problemas, senón tamén para crear na propia sociedade galega conciencia de país, conciencia de nación. Neste sentido ningunha outra organización política das vellas ou das novas representa a Galiza como o fai o BNG, porque a maneira de actuar do BNG é a propia dunha forza política que se esforza en representar a unha pequena nación que quere existir como tal entre as nacións do mundo e que utiliza a súa presenza neses parlamentos para fortalecer a conciencia de país. Isto non sei se vende ou non vende electoralmente, mais é a razón de estar no Parlamento español do nacionalismo galego desde os tempos de Castelao: utilizar a representación política en Madrid para a defensa do país e para a construción de Galiza como nación.

Comentarios