Trinta paneis, publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, traxes, decorados ou retallos de prensa conforman unha mostra comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas e que estará aberta até o 3 de decembro. “A través destes materiais pódese reconstruír unha época especialmente vizosa para a nosa cultura”, explica a organización, que pretende “conmemorar o importante labor cultural desenvolvido por diferentes sociedades corais como achega ao desenvolvemento da cultura galega no século XX”.
Son de Galicia tamén incide nos “denominadores comúns a todas as sociedades corais da época”. Refírense ao traballo etnográfico de recollida e interpretación da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico, as xiras e viaxes “nas que se converteron en embaixadores da cultura galega”, o seu “fondo compromiso” coa lingua ou o seu papel nos inicios da actividade teatral galega.