Opinión

Dúas derrotas, un cambio de tendencia e unha oportunidade

1. As empresas de sondaxe, fieis seguidoras da unívoca e superficial socioloxía norteamericana, deixaron ver esta vez fallos importantes. A simple observación, acompañada do coñecemento do terreo, pode dar en moitos casos mellores froitos que algúns dos deseños numéricos, en aparencia infalíbeis, cos que nos emboban. Así resulta, por exemplo, que Antón Losada, en Sermos, acertou máis que a maioría destes ben pagados estudios de opinión.
 
Por suposto, non é culpa das matemáticas, senón de quen as utiliza de forma impropia. Pasa na socioloxía electoral, igual que pasa na economía. Está claro que algúns usan incorrectamente a ciencia, nalgúns casos por estreitura de miras e noutros coa finalidade de lexitimar as súas ideas.

2. Pero vaiamos ás eleccións en si. O difundido e acedo desencontro entre Beiras e Iolanda Díaz (lembremos que AGE fora a precursora da “nova política”), así como as novas e significativas desercións no BNG (Aymerich, Quintana, etc.) non son a causa da baixada de En Marea nin da nova baixada do Bloque, pero si representaron, naquel momento, un síntoma. E mal se pode ilusionar o electorado cando se fan visíbeis tan graves conflitos internos.

3. Durante a campaña, En Marea esqueceu practicamente a súa reivindicación do grupo parlamentar galego. Quizais porque, como afirmaron, o seu recoñecemento dependería da mesa do Congreso (aínda que os valencianos de Compromís asinaran, para a corta lexislatura anterior, un acordo diferente, grazas ao cal actuaron con autonomía). E quizais tamén, en parte, porque a opción máis autóctona, “Nós. Candidatura Galega”, xa fora contundentemente derrotada nas anteriores eleccións de decembro, de modo que esta vez En Marea xulgou que xa non resultaba necesario facer ningún xesto nese terreo. En todo caso, Galiza, como comunidade diferenciada, quedou máis relegada da campaña de Unidos Podemos que nas eleccións anteriores.

O BNG, pola súa parte, esqueceu a súa proposta de refundación. Talvez, porque é difícil de aplicar se, nese momento, non tes con quen ampliar a túa base, pero pode que tamén influíse o feito de que os que a defenderan na última asemblea, co portavoz nacional, Xavier Vence, á cabeza, foran xa derrotados. A nova executiva non tería percibido, en consecuencia, a necesidade de refundar nada, nin sequera de empregar a propia palabra como slogan. 

Sen embargo, eu creo que tanto a reivindicación do grupo parlamentar galego como a da remuda orgánica eran dúas boas ideas que non deberon ser abandonadas. Non me atrevo a afirmar que ese dobre esquecemento teña que ver cos máis de catro puntos porcentuais e cen mil votos perdidos por ambas forzas, que se foron basicamente a abstención, pero tamén é certo que puido ser así, cando menos en parte.

4. A posibilidade dun cambio no goberno da Xunta preséntase, obviamente, máis difícil. En Marea comeza a perder charme e pode perder máis a medida que vai entrando nas institucións. O seu traballo no novo congreso quizais resulte, por outra parte, menos relevante do previsto. O PSOE, aínda que chegue a pactos co PP, tratará sen dúbida de manter, noutros temas, un perfil nítido de oposición que relegue a Unidos Podemos a unha zona ideolóxica próxima á que ocupaba IU. Na creación desta imaxe colaborarán, sen dúbida, os medios de comunicación. Por outra parte, xa se comeza a ver que os gobernos municipais de En Marea van ser o centro dos golpes da oposición. Este cambio de tendencia aínda se podería agravar coa profundización das asimetrías internas, coas discrepancias tácticas que trae consigo todo mal resultado e coa falta dunha estrutura organizativa experimentada. 

Eu creo que tanto a reivindicación do grupo parlamentar galego como a da remuda orgánica eran dúas boas ideas que non deberon ser abandonadas

Con todo, hai que dicir que o espectro Mareas-Podemos conta cunha base electoral sólida, sobre todo entre os menores de 45 anos. Son miles de persoas que xa non van votar nunca PP nin PSOE. Os sectores máis intelixentes do Estado contan, desde hai tempo, con esa realidade e tratarán de manexala, fortalecendo o chamado errejonismo. Podemos tería que pasar, nese sentido, por un Suresnes, para ser aceptado. En Galiza, a perda de engado de En Marea podería beneficiar hipoteticamente, no futuro, o BNG.

Mais, pensando nas vindeiras eleccións autonómicas, é practicamente imposíbel que o BNG teña tempo de saír do burato negro no que está metido. Algúns, na dirección, falan xa de ser “bisagra”, obxectivo modesto se se lembra a época de Beiras e Quintana. Trataríase de conseguir algún deputado que axude a manter unha mínima estrutura orgánica que, doutro modo, deberá sustentarse case unicamente nas deputacións. Outros incluso pasan directamente por alto estes comicios e pensan xa no ano próximo que sería o da reconstrución. O uso de palabras como “semente” ou a cita de frases como “vimos de lonxe e imos para lonxe” abundaría nesta liña. Nada, en todo caso, que levante os ánimos. A renovación xeracional que se observa nas fotografías tampouco garante polo de agora moito. E a isto hai que sumarlle aínda unha certa lentitude histórica. O Bloque segue empregando as redes sociais para transmitir consignas e convocar actos públicos, sen entender que as redes son algo diferente e que, correctamente utilizadas, poden equilibrar, nalgunha medida, o papel dos medios de comunicación.

5. Mais, por outra parte, para o nacionalismo estas eleccións trouxeron un cambio fundamental favorábel. A até agora verosímil idea de que para mudar algo hai que empezar por cambiar o goberno de Madrid veuse practicamente abaixo. Un fracaso para os que votaron Unidos Podemos, pero tamén unha oportunidade para os que cren que o único cambio posíbel deberá comezar polas nacionalidades. Os soberanistas cataláns fixéronse inmediatamente eco disto, restándolle así valor á vitoria de En Comú-Podem en Cataluña que pide un referendo negociado. 

A até agora verosímil idea de que para mudar algo hai que empezar por cambiar o goberno de Madrid veuse practicamente abaixo

A constatación de que existe un conservadorismo español moi sólido que impide un cambio de réxime pode facilitar así o regreso de parte do electorado, sobre todo vasco e catalán, a posicións nacionalistas. 

Ocorrerá iso en Galiza? Depende do que faga o BNG e do que fagan outros. Polo de pronto, unha das conclusións máis importantes destas eleccións, coherente co anterior, é a de que o camiño escollido por Beiras o día que marchou do Bloque non deu os seus froitos. O nacionalismo en solitario entrou en caída libre pero, a cambio, en Madrid non se conseguiu nada. Ou moito cambian as cousas ou poderase dicir que o balance dos que marcharon (Anova) e tan ruín como o dos que quedaron. 

6. Polo demais, tras este resultado, xa todos sabemos que a gran política madrileña non se decide na universidade, senón nos consellos de administración, nalgunhas redaccións e –atendendo as conversas filtradas do ministro Fernández Díaz– nas cloacas do Estado. Tal vez, nos valla máis ser modestos e tratar, a partir de agora, de arranxar a propia casa. Ao fin e ao cabo, o que verdadeiramente merece a pena de Madrid son os museos.

Comentarios