CxG pon fóra o edil de Miño

A organización galeguista “desvencéllase total e absolutamente” da candidatura encabezada por Ricardo Sánchez após ser investido alcalde cos votos do PP. 

Ricardo Sánchez
photo_camera Ricardo Sánchez [Imaxe CxG]

A dirección política de Compromiso por Galicia vén de comunicar a retirada do seu apoio á candidatura encabezada por Ricardo Sánches, quen foi eleito edil no Concello de Miño nas municipais do 24 de maio. 

A decisión foi adoptada após Sánchez ser investido alcalde --embora ser a listaxe menos votada-- cos votos do Partido Popular e trascender publicamente que se iniciaran conversas entre ambas as dúas forzas políticas de cara á un hipotético goberno. 

Compromiso por Galicia, “desvencéllase total e absolutamente” da súa candidatura en Miño, sinalan nun comunicado de imprensa no que avanzan que solicitarán ao edil eleito que "abandone a súa acta". 

O secretario xeral de CxG, Xoán Báscuas, dixo lamentar a "situación dada" e argumentou a decisión a que a actuación de Ricardo Sánchez e da candidatura de Miño "non responden aos criterios establecidos polo partido nin cumpriron coa dirección, nin coa cidadanía". “Compromiso xa non ten nada que ver con eles, nin a efectos legais, nin a efectos políticos, nin no que se refire á redención de contas”, sentenciou. 

Comentarios