CxG deixa en mans das agrupacións locais a fórmula de concorrencia ás municipais

Serán as localidades as que decidan de que maneira concorrerán aos comicios de 2015. 

Foto de familia con tod@s @s candidatos de CxG

O Consello Político Nacional de Compromiso acordou deixar en mans das súas agrupacións locais a fórmula en que se presentará a organización galeguista nas vindeiras eleccións municipais (maio de 2015). Así o fixo público através dun comunicado de imprensa o órgao, onde tamén aclara que a decisión é resultado dunha consulta realizada entre a súa militancia durante este mes de xullo. 

En conversa con Sermos Galiza, o secretario xeral de CxG, Xoan Báscuas, asegura que "a maioría das agrupacións locais" apoiou a idea de deseñar fórmulas propias para cada concello pois, sinala Báscuas, son estas as que "mellor coñecen o seu contexto". 

O anuncio de Compromiso por Galicia deuse a coñecer esta quinta feira e logo de se faceren públicos os contactos entre CxG e outras forzas políticas en Betanzos e Bergondo, mais o secretario xeral da organización galeguista afirma que a consulta entre a afiliación comezou "a primeiros de xullo" e que "a decisión estaba tomada antes do Día da Patria" se ben non se deu a coñecer "até agora". 

A decisión foi resultado das consultas realizadas entre a base militante através dun referendo

O Congreso Nacional decidirá o marco das alianzas

Para Xoan Báscuas, outorgar liberdade ás agrupacións locais "coincide cun dos puntos centrais do discurso de Compromiso que é o empoderamento" das localidades. No entanto, explica que será no Congreso Nacional que terá lugar en novembro deste ano onde "se acoute a decisión" e se fixen os criterios en que se desenvolverá. Iso si, acrecenta, algúns puntos serán "a aposta de Compromiso pola radicalidade democrática", o que excluirá de calquera acordo aquelas persoas que estean imputadas ou inmersas en casos de corrupción ou "a aposta nas primarias abertas" para a escolla das candidaturas. 

Até o momento, Báscuas asegura que non ten coñecemento de se teren producido contactos entre Compromiso e outras organizacións "máis que en Bergondo e Betanzos" onde se reuniron con Anova. En relación a estes encontros di que se atopan en "fase incipiente" e "inicial" polo que non sabe se callará. No entanto, subliña que hai "boa disposición" entre as partes. 

Comentarios