Avance da programación

Curtocircuíto trae a Compostela o cinema de autor máis arriscado da Península

Ademais, o festival confirma a data da estrea galega de 'Lúa Vermella', última longametraxe de Lois Patiño, que terá lugar o 9 de outubro nun acto especial que reunirá ao elenco da película por primeira vez na Galiza.
Fotograma de 'Refachos de vida salvaxe', de Jorge Cantos.
photo_camera Fotograma de 'Refachos de vida salvaxe', de Jorge Cantos.

Curtocircuíto, Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, afronta a súa edición número 17 de 3 a 11 de outubro. A sección Penínsulas contará cunha escolma de 12 títulos que competirán dentro dun apartado que pon o foco no cinema de autor máis arriscado do panorama estatal.

Este ano, durante a celebración do festival ofrecerase a posibilidade de gozar en formato online, no Canal Curtocircuito na plataforma Filmin, das películas seleccionadas dentro das seccións competitivas Radar, Explora e Penínsulas. Como cada edición, tamén levarán a cabo proxeccións e eventos presenciais, con algunhas das cineastas.

O festival vén de dar a coñecer as pezas de ficción e non-ficción que compoñen Penínsulas, unha radiografía das novas tendencia fílmicas que comprende variedade de enfoques e xéneros. O lugar común atinxe á vontade das autoras por repensar aspectos da nosa sociedade como a inmigración, o folclore, o rural, a identidade de xénero, a (post)natureza ou as relacións interpersoais nas redes sociais.

Reserve, de Gerard Ortin; Gorria, de Maddi Barber; O arrais do mar, de Elisa Cela; La sangre es blanca, de Oscar Vincentelli; Los Páramos, de Jaime Puertas; Lonely rivers, de Mauro Herce; e Profecía, de Julieta Juncadella; amosarán características comúns próximas á etnografía experimental e ao realismo máxico.

O ensaio fílmico tamén terá protagonismo con Correspondencias, dirixida pola gañadora do Goya Carla Simón e a cineasta chilena Dominga Sotomayor; e Autoficción, de Laida Lertxundi.

Refachos de vida salvaxe, de Jorge Cantos e Panteres, de Èrika Sánchez, outras dúas ficcións que transitan maxicamente preto do cinema do real, completan a selección xunto ao retrato xeracional dirixido por Rafa Alberola, Arenal, filme que usa as redes sociais como principal fío narrativo.

'Lúa Vermella' en exclusiva

Para alén do máis, Curtocircuíto confirma a data de estrea na Galiza de Lúa Vermella, o último traballo do vigués Lois Patiño, gañador no Festival de Málaga. Será a sexta feira 9 de outubro nunha proxección especial no Teatro Principal de Compostela. O acto reunirá por primeira vez ante o público ao cineasta e os protagonistas: Rubio de Camelle, Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos. Tamén estará o produtor, Felipe Lage, e parte do equipo técnico.

Comentarios