O cura fotógrafo, por Xoán Costa

a
photo_camera Imaxe: López Ferreiro no seu leito de morte

Ao longo dos séculos houbo curas que polas súas relacións ou simpatías con determinadas profesións ou movementos receberon un alcume relacionado con elas. De cura obreiro foi alcumado, por exemplo, Carlos García, mineiro en Barredos e sentenciado “en ausencia” pois fugouse do mosteiro en que estaba recluído, a catro meses e un día de prisión acusado de facer propaganda ilegal; outros foron alcumados de comunistas e mesmo houbo un cura ciclista.

Ocúpanos hoxe o caso dun cura fotógrafo. Foi Generoso Salgueiro Penas. Promovido ao diaconado en xaneiro de 1903 e ao presbiterado en xuño do mesmo ano, é párroco en Vilanova (Vedra) desde 1908. Cualificado pola prensa como “joven y celoso” atopámolo en outubro de 1909 celebrando “por iniciativa propia” un acto fúnebre por Carlos de Borbón, Carlos VII para os seus seguidores, morto en xullo dese mesmo ano en Varese e enterrado na catedral de Trieste. Durante a súa estadía en Vilanova foi activo militante pola escolarización e polo cumprimento por parte do concello das obrigas derivadas da lei de 1857. En 1930, a pesar de os veciños de Vilanova “lle suplicaren que fique entre eles”, solicita traslado voluntario para San Xurxo de Vea e Santa María de Traves (aínda que aparece así escrito varias veces Traves, nos periódicos e no boletín do arzobispado, esa parroquia non existe no concello da Estrada. Trátase de Santa María de Frades, lindante con San Xurxo de Vea, e cunha formosa igrexa románica, de ábsida rectangular e nave única que conserva íntegra a súa obra. Unha inscrición no tímpano da porta norte data a construción en 1171)

Durante a súa estadía en Vea tivo algún conflito co veciño de Camanzo-Carbia Florentino Gómez Lodeiros e o xulgado número un da Estrada resolve que Generoso Salgueiro debe receber del 6450 pesetas e intereses. Non sabemos se por estes conflitos, mais en 1940 pide de novo traslado, agora para a comarca da Arzúa, parroquias de Medín e de Gonzar – onde está enterrada a espiritada. Morreu o 30 de outubro de 1945.

Sobre a súa afección e dedicación á fotografía pouco sabemos. Del sabemos só por fotografar López Ferreiro no seu leito de morte e por algunhas fotos panorámicas que publica Vida Gallega o trinta e un de maio de mil novecentos e dez.

“Ao párroco de Vilanova, contertulio de López Ferreiro, ... débese que algunhas notas íntimas da vida do historiador podan ser conservadas por medio do fotogravado. El tivo a previsión de pór a súa afección á fotografía ao servizo da historia gráfica de Galiza” Así nolo conta Vida Gallega que cualifica as obras de Salgueiro como de “valor inapreciable”, caso da que reproduce o comedor onde escrebía López Ferreiro, un comedor onde o mestre “difundía a luz da súa ciencia sobre o espírito dos seus contertulios”

López Ferreiro no leito de morte; a casa de Galegos, onde viviu e morreu ou unha panorámica do Pico Sagro son pezas que “ensanchan o concepto da nosa patria e a engrandecen perante os ollos dos sabios do mundo”

Abramos os ollos.

Comentarios