Opinión

Cunha abstención próxima a 50% Portugal apoia o PS

Tal e como se prevía, as eleccións en Portugal deron o triunfo ao Partido Socialista que levaba gobernando desde 2015 co apoio externo de Partido Comunista Português, Bloco de Esquerda e Partido Ecologista Os Verdes; aínda que o presidente António Costa non obtivo a maioría absoluta que reclamaba para poder gobernar coas mans libres, sen depender de apoios á súa esquerda.

Foron moitas as medidas positivas adoptadas polo goberno portugués da chamada geringonça, medidas que se conseguiron debido á presión da esquerda e do movemento sindical encabezado pola CGTP-Intersindical; pois aínda que a esquerda non forza suficiente para obrigar o PS a mudar a súa política macroeconómica claramente confesional coas directrices da troika, si que se conseguiron reverter moitos dos recortes, ao tempo que se adoptaron importantes medidas positivas como recuperación de festivos, suba das pensións e do salario mínimo, gratuidade dos manuais escolares, redución das taxas universitarias, volta á xornada de 35 horas para o funcionariado, pases sociais no transporte, medidas de apoio ao pequeno empresariado....

Unha vez máis comprobamos que nos resultados electorais inflúen moitos elementos subxectivos, e non podemos consideralos como unha translación directa do traballo feito ao longo do período entre eleccións

Esta novidade da geringonça fixo que as eleccións tivesen un seguimento por parte de analistas portugueses e estranxeiros moi superior ao de convocatorias pasadas. Mais antes de entrar no apoio que obtiveron os partidos hai que sinalar o dato máis salientábel, que é o aumento da abstención, se xa fora alta en 2015 cun 44 de votantes que decidiran non participar do acto electoral. O domingo aumentou aínda un punto máis, un dato moi preocupante se temos en conta que é tendencia que se repite nas últimas citas electorais.

Chama a atención tamén o feito de que o partido Pessoas-Animais-Natureza duplique votos e pase dun a catro representantes, xunto coa entrada de tres novos partidos cun deputado cada un, destacando de entre eles a presenza por primeira vez na Assembleia da República dun deputado de extrema dereita do partido Chega.

Fóra da abstención e dos novos partidos, os resultados sinalan que unha parte moi importante do electorado decidiu dar o seu apoio ao PS, sen atender ao feito de que foi un goberno dese partido o que procedeu a solicitar a intervención da troika, dándolle un número maior de deputad@s, 106 fronte a 86 obtidos hai catro anos, e por tanto deixándolle maior marxe de manobra para conformar unha nova maioría, dado que co apoio de un só dos seus parceiros anteriores podería gobernar.

A forte caída dos dous partidos tradicionais de dereita, que hai catro anos se presentaron en coalición obtendo o primeiro lugar, danos idea de que unha parte importante do aumento do PS debe proceder de votantes dese espectro político, dado que a perda de representación á súa esquerda por parte da CDU é inferior ao aumento que ten o PS.

Haberá que estudar máis devagar os resultados pero é moi probábel que o pouco desgaste do Bloco de Esquerda, que mantén o número de deputad@s aínda perdendo porcentaxe e votos,  estea relacionado coa atracción que para sectores xuvenís e urbanos e para as camadas medias poida ter a posibilidade dun goberno con presenza dunha organización á esquerda do PS, dado que a idea de que é unha organización preparada para gobernar vén sendo transmitida polos bloquistas desde hai un tempo. Ademais segmentos do electorado que poden dubidar no apoio ao BE ou ao PS nesta ocasión é posíbel que se mantivesen fieis aos primeiros, como xeito de garantir un contrapeso que impedise unha non desexada maioría absoluta do PS.

Por contra, a CDU confirmou as malas proxeccións que lle daban as enquisas nas últimas semanas;. Nese resultado negativo é moi posíbel que influíran sobre todo dous elementos, o  primeiro as dificultades en sectores do voto máis duro e ideolóxico e en sectores sindicais para asumir o apoio dado hai catro anos ao partido que levou adiante o desmantelamento de moitas das conquistas do 25 de abril e a política imposta pola UE. Un problema do que a dirección do PCP era consciente cando decidiu poñer por diante a urxente necesidade de favorecer medidas para tirar ao povo da situación crítica pola que estaba a pasar debido ás políticas da troika. O segundo elemento puido ser a forte campaña dos medios de comunicación de dereita, especialmente da TVI, contra o PCP no último ano, creando noticias falsas nas que atacaron o partido e directamente a Jerónimo de Sousa e o portavoz no parlamento europeo João Ferreira. Noticias que posteriormente se demostrou que eran falsas, pero esa demostración da falsidade apenas tivo repercusión mediática.

O certo é que unha vez máis comprobamos que nos resultados electorais inflúen moitos elementos subxectivos, e non podemos consideralos como unha translación directa do traballo feito ao longo do período entre eleccións. É innegábel o papel das organizacións á esquerda do PS, e sobre todo do PCP, na consecución de todas as melloras que sinalamos anteriormente, e sabemos que a maioría delas un PS con maioría absoluta non as tería chegado a aprobar.

Nos vindeiros días veremos cara onde van os movementos que faga António Costa.

Comentarios