Análise

O cumio europeo prepara o camiño para novos recortes sociais na Galiza

A reunión do cumio de presidentes de Estados da Unión Europea decorrida ao longo destes catro últimos días remata sen sorpresas. A Europa comunitaria segue apostando polas súas receitas de sempre para dar resposta a esta nova crise económica que estoupou coa pandemia pero que viña cocéndose desde había anos.
Sesión do cumio europeo de xefes de Goberno (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Sesión do cumio europeo de xefes de Goberno (Imaxe: Europa Press)

O cumio comunitario chega á súa fin após catro xornadas de intenso debate. Se nas semanas previas asistimos a unha rebaixa das peticións dos Gobernos do sur de Europa, que ven limitadas as súas demandas iniciais de fondos, nos últimos días a tendencia acentuouse.  analiza con diversos economistas os resultados do encontro e a súa implicación nas condicións sociais e económicas da Galiza.

A economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María do Carme García Negro, valora os resultados do cumio europeo coa prudencia de non coñecer os termos exactos da negociación. "Hai que ter en conta que os procesos de negociación en  Europa adoptan a forma aburrida de cansar os máis necesitados para que ao final traguen co que sexa. A tendencia do cumio apunta a unha diminución dos fondos sobre o solicitado ao comezo e as condicións son algo sabido e agardado, o que melloraría a situación e que foran semellantes ás que o Estado español está en disposición de cumprir", explica García Negro.

A profesora da USC María Cadaval considera que "a tensión que se viviu no cumio era esperábel. Os denominados países frugais, máis saneados e en mellor situación económica queren impor condicións aos países do sur máis precisados de fondos e que requiren axudas. A diferenza doutras crises Alemaña alíase cos Estados do sur porque Alemaña xógase as súas exportacións en Italia ou en España. Malia todo, coido que hai un dobre xogo de Alemaña, aparecendo como policía bo e Holanda facéndolle o traballo sucio".

As condicións como norma na UE

O economista da USC Bernardo Valdés sinala que "as tendencias que se manifestaron ao longo deste cumio son as mesmas de sempre no proxecto comunitario, empregando os avances no proceso de construción Europea como unha coartada para impor as políticas liberais. As condición son a práctica habitual que se aproban para impor privatizacións e recortes do gasto público. As propostas de reformar as pensións e o réxime fiscal non xorden de Holanda, veñen de atrás". Pon de manifesto que "agora aprovéitanse as circunstancias para apertar. O que está na mesa é algo habitual na UE, se ben o debate evidencia as dificultades para tomar decisións, o que converte nunha quimera reformar a UE e polo tanto construír unha UE diferente". 

A efectividade para a Galiza das propostas adiantadas no cumio europeo é obxecto de discrepancia. Así, María Cadaval entende que "Galiza xógase moito no fondo de reconstrución, uns 6.000 ou 7.000 millóns, a cantidade equivalente a un orzamento da Xunta, polo que debe pórse a negociar a contía co Estado, co obxectivo de que os criterios de reparto non nos desfavorezan". Nun sentido semellante, María do Carme García Negro considera que "Galiza vai recibir unha importante cantidade de fondos dos que non dispón, que deben ser tomados como unha achega para programas de investimento produtivos que xeren retorno. O Goberno galego debe pórse de acordo coa oposición para levar adiante un plan galego de investimentos xerador de empregos e que estea mirando as potencialidades do país".

A visión de Bernardo Valdés e tamén de Adrián Dios, profesor de Economía na USC, é moi critica coa proposta comunitaria. "A efectividade do plan está moi limitada porque a contía é moito máis baixa que a solicitada polos Estados do sur e o Parlamento Europeo, os fondos proceden de detraer outras partidas do orzamento comunitario e a maioría do diñeiro non vai chegar até 2022. O Estado español debe renunciar ao fondo se iso lle obriga a adoptar medidas regresivas que agraven a situación económica da poboación", defende Bernardo Valdés. Pola súa banda, Dios considera que o acordo para "os Estados do sur é un fracaso e para Galiza, que non ten capacidade para participar no reparto dos fondos, aínda máis".

Dios repara no significado das condicións no proxecto comunitario. "As condicións van ser máis agresivas do que se pensaba nun comezo. Estamos diante dunha estrutura de axudas que vai secuestrar a soberanía dos Estados do sur de Europa. Cando se fala de condicións na UE fálase de recortar, se hai condicións nas axudas, as políticas económicas dos Estados xa non dependen dos seus Gobernos. Ao final, entramos outra vez na trampa da débeda, que leva aos recortes, e das mudanzas da lexislación contra as maiorías sociais. Os grandes beneficiados destas axudas van ser empresas alemás que van seguir exportando ao sur, na mesma liña que o rescate grego se fixo para salvar a banca alemá".

"Vai haber dor"

"Vai haber dor porque hai reformas que levan pendentes desde hai anos e vanse facer xa. Por un lado está a revisión e axuste do sistema de pensións, que se foi retrasando pola falla de actividade e acordo no marco do Pacto de Toledo. Por outra a reforma do réxime fiscal, concretada nunha suba do Imposto do Valor Engadido (IVE), mediante a modificación dos seus supostos reducidos e superreducidos", indica a Nós Diario a economista da Universidade de Santiago María Cadaval. A este respecto, o ex ministro grego e economista Yanis Varoufakis dá por descontado o retorno da troika, porque "a troika vai regresar independentemente do fondo de reconstrución e ocorrerá cando sexa recuperado o pacto fiscal e entón España, Italia e Portugal van ser apertados, dunha forma moi similar ao que a troika fixo entre 2010 e 2015". 
 

Comentarios