Cultura

O cuarto Jazz de Ría (Ferrol) aposta no talento galego

A edición deste ano transcorrerá de 14 de a 16 de agosto, no Cantón de Molíns.

sumrra
photo_camera sumrra

O festival Jazz de Ría afronta a súa cuarta edición cunha aposta decidida no talento galego. O evento, que transcorrerá de 14 de a 16 de agosto, experimentou na súa curta traxectoria un notábel aumento de público, atraído por unha proposta singular en canto a espazos e contidos, que desta volta acusan un maior sabor á terra.

Neste ano, o festival modifica as súas ubicacións habituais para poder garantir todas as medidas de seguridade e distancia interpersoal. Así, as actividades concentraranse no Cantón de Molíns (Ferrol), que se suma á lista de espazos patrimoniais que o ciclo trata de pór en valor.

Este parque, deseñado por Julián Sánchez Bort a mediados do século XVIII, cunha construción intimamente relacionada co deseño do barrio da Magdalena, pode presumir de ter sido a primeira alameda pública da Galiza, cuxo paseo, agora maioritariamente de plátanos e magnolios, discorre en paralelo á muralla do Arsenal e ao seu foxo.

Do swing bailábel ao jazz contemporáneo

Marcos Teira e Ton Risco serán os artistas encargados de abrir o evento co seu singular dúo de vibráfono e guitarra, no que se atreven até co toque flamenco. Pablo Sanmamed Trío irmandará o jazz e a world music con temas do diso debut da banda, 16/04, de sabores varios entre os que se aprecia o pouso da transmisión oral nun proceso de deconstrución musical desde a linguaxe do jazz.

Xa o sábado, as Ejazz deleitarán o público coas súas versións de clásicos diversos do soul, a bossa nova ou o funk harmonizadas a capella. O punto bailábel chegará de man de Por mí, swing, banda especializada en ritmos de lindy hop, claquette, charleston

O feche porao Xan Campos Trío desde a vangarda do jazz contemporáneo coa ebulición instrumental na que conflúe nos temas do seu último traballo, Realismo.

Reserva previa

Aínda que todos os concertos son abertos e de balde, para garantir mellor o control de accesos e a seguridade das persoas asistentes será preciso reservar entrada. Os billetes estarán dispoñíbeis a partir da segunda feira 10 de agosto ás 12 horas en reservas.gal.

Comentarios