O CSIC certifica a obtención de coltán na mina da Penouta

A mina da Penouta, en Viana do Bolo, convértese na primeira de Europa da que se poden extraer as compoñentes fundamentais do coltán.
Mina da Penouta (Strategic Minerals).
photo_camera Mina da Penouta (Strategic Minerals).

Os grandes fabricantes de telefonía xa teñen marcada a Galiza no mapa. Investigadoras do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) veñen de sintetizar por vez primeira niobio e tántalo, extraídos das escouras xeradas na obtención do estaño da mina da Penouta (Viana do Bolo).

Trátase da primeira vez que o CSIC sintetiza estes materias, coñecidos como "ouro negro" e fundamentais na fabricación de teléfonos móbiles, o que converte á mina galega na primeira de toda Europa da que se pode obter coltán, que xurde da mestura de ambos e que forma parte dos minerais considerados estratéxicos pola Unión Europea. 

Félix Antonio López, investigador do Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas (Cenim) do CSIC, explicou que o niobio e o tántalo, son dous elementos "con moita afinidade química" e a súa separación selectiva "é complicada". "Para iso, temos que separar primeiro o estaño e despois aplicar un proceso laborioso para obter sales comerciais tanto de niobio como de tántalo, e facelo ademais con rendementos e purezas atractivas para a súa explotación comercial".

Desde Strategic Minerals, a firma que explota a mina, o seu director, Francisco Polonio, indica que a empresa "está a procesar as balsas e refugallos da antiga mina e a iniciar a explotación do xacemento a ceo aberto, de onde se extraen estaño, tántalo e niobio, e adicionalmente, cuarzo, feldespato e mica", engadiu.

Estas actuacións enmárcanse dentro do proxecto Estannio, no que colaboran ambas entidades xunto coa empresa Krown, e que ten como finalidade a obtención do coltán fóra de territorios de conflito. Dentro do mesmo inclúese a instalación dunha planta comercial de fusión para a obtención de estaño en Salamanca e unha planta piloto hidrometalúrxica de obtención de niobio y tántalo nas instalacións do Cenim.

Comentarios