Cs sería quen tiraría máis proveito da reforma da lei eleitoral que negocia con Podemos

Estabelecen unha "coordenación permanente" con vistas a modificar a LOREX antes da conclusión de 2018. Para iso precisan do apoio do PSOE. A forza que obtería maior rédito da operación sería Ciudadanos.

Colexio electoral 20D eleccións xerais

Vento nas velas de Cs. Non só a demoscopia sorrí á formación de Albert Rivera, senón que agora se abre un cenario prometedor para a nova marca do centro-direita español. Se prosperar a proposta de reforma eleitoral que negocia con Unidos Podemos, o partido laranxa podería achegarse aínda máis ao PP na loita pola hexemonía do bloco conservador. Aínda que menos, Podemos tamén avanzaría e retallaría a distancia que o separa do PSOE.

Esta quinta feira, Irene Montero e Juan Carlos Girauta -portavoces respectivamente de Unidos Podemos e Cs- formalizaron o inicio do proceso que visa a modificación da LOREX neste mesmo 2018. Acordaron estabelecer unha "coordenación permanente" e procurar o apoio do PSOE, sen o cal esta alteración da lei non sería aritmeticamente viábel. Ciudadanos deixou claro que non ten o menor inconveniente en deixar fóra do acordo o PP. "Foi unha reunión moi produtiva", afirmou Montero.

Quer Montero quer Girauta enfatizaron perante os meios que en aras do acordo ambas forzas están dispostas a facer cesións. Podemos propón que se rebaixe aos 16 anos a idade para ter direito de voto. Ciudadanos quer introducir na reforma a inhabilitación como candidatos dos prófugos da xustiza, en clara alusión a Puigdemont. Son propostas de máximos que claramente ficarán polo camiño. No que si están de acordo é en eliminar a Lei D'Hont e introducir un sistema que garanta unha maior correspondencia entre a percentaxe de votos obtidos e a percentaxe de escanos no Congreso dos Deputados.

Podemos ten unha proposta a ese respeito, asumir o sistema Sainte-Laguë, procedimento de atribución de escanos que rexe en estados como o alemán ou o sueco. A formación morada deixou atrás a súa aposta polo sistema de cota ou cociente Haré, ao considerar que con el había menos opcións para selar un acordo con Cs. En todo caso, Sainte-Laguë incrementa a proporcionalidade, ao axustar moito máis do que D'Hont a relación entre percentaxe de sufraxios e de asentos no Parlamento. A día de hoxe, Sainte-Laguë sería un bon amigo de Albert Rivera. De se ter aplicado nas últimas eleccións xerais -xuño de 2016-, o PP tería perdido 15 escanos (ficaría en 122), o PSOE tería cedido 1 (ficaría en 84), en tanto que, no lado dos gañadores, Unidos Podemos e as confluencias conquistarían 6 escanos máis (até os 77), mentres que Ciudadanos sumaría 12 actas ás súas actuais 32, co que totalizaría 44 asentos no Congreso dos Deputados.

Con estes resultados, o bloco conservador perdería representación no Congreso (os 12 escanos gañados por Cs non compensarían os 15 cedidos polo PP), mais mesmo así mantería a súa vantaxe a respeito dunha eventual alianza PSOE-Unidos Podemos: 166 asentos fronte 161 (no actual congreso, 169 fronte 156). 

En que consiste o sistema Sainte-Languë?

En realidade, é unha derivación de D'Hont nun sentido máis proporcional. Se no sistema eleitoral vixente o número de escanos se divide por 1,2,3,4... até facer a atribución dos asentos a partir dos restos maiores, con Sainte-Languë a división faise só cos números impares, 1,3,5..., o que minimiza a vantaxe que con D´Hont teñen as forzas máis votadas e outorga opcións de representación até a cuarta forza política con máis sufraxios en distritos medios ou grandes.

Comentarios