A CRTVG vulnerou o dereito das traballadoras segundo o Supremo

Redacción da CRTVG. (Foto: CRTVG)

O Tribunal Supremo confirmou onte a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 2018 que condenou a CRTVG por vulneración do dereito fundamental á folga da Central Unitaria de Traballadoras (CUT). Naquela altura, o tribunal galego condenaba á CRTVG por ter substituído a presentadora titular do Galicia Noticias, que se adheriu á convocatoria de folga de 24 horas de 8 de marzo de 2019 promovida por este sindicato.

O Tribunal afirmara que a substitución da traballadora deuse co obxectivo de minimizar o impacto desta convo catoria do feminismo galego. Segundo o Tribunal Supremo: "é evidente que a demandada activou medidas co obxecto de limitar o dereito de folga como foi a de substituír a traballadoras folguistas por outras traballadoras de nivel superior, para neutralizar o efecto propio e esencial do exercicio daquel dereito fundamental".

Esta nova sentenza confirma que a CRTVG debe aboarlle á CUT unha indemnización por danos e prexuízos na contía de 15.625,50 euros, engadindo a obriga do pagamento das costas procesuais, e a perda dos depósitos, Un gasto público que a CUT considera "innecesario" e "arbitrario", pola claridade dos feitos que lle mereceron o reproche dos Tribunais: agochar deliberadamente os efectos da folga de mulleres.

Para a responsábel da Secretaría das Mulleres da CUT, Ana Viqueira, este primeiro pronunciamento do Tribunal Supremo sobre a vulneración da folga de 8 de marzo "é un fito histórico". Apunta que "é indubidábel que a ferramenta da folga funciona e o malestar que lle causa mesmo a unha empresa pública demóstrao"

Comentarios