A CRTVG recorta o tempo do BNG sen contar co aval da XEP e sen agardar ao Supremo

A TVG aplicou unilateralmente a súa proposta de redución do tempo do BNG nos informativos sen agardar a que fose validada pola Xunta Eleitoral Provincial nen a que se pronunciase o Tribunal Supremo. Fíxoo no TX2 desta cuarta feira. Tirou 9 segundos ao BNG e deulle máis tempo a AGE. De acordo coa doutrina da Xunta Eleitoral Central, era a XEP quen debía "corrixir" o plano de cobertura da CRTVG e non a dirección xeral desta compañía.

BNG NONOSCALARAN ACTO PROTESTA OBRADOIRO1
photo_camera BNG NONOSCALARAN ACTO PROTESTA OBRADOIRO1


A terza feira, a Xunta Eleitoral Central comunicou que estimaba parcialmente un recurso de UPyD contra a presenza do BNG nos espazos informativos da campaña eleitoral na CRTVG e ordenou á Xunta Eleitoral Provincial que modificase o plano de cobertura dos meios públicos galegos.

A XEC outorgaba, pois, a competencia de modificación do plano de cobertura da CRVTG -aprobado polo consello de administración- á Xunta Eleitoral Provincial.

Porén, onte a dirección xeral da CRTVG, ante a decisión da XEP de non se reunir até hoxe (faino apartir das 13 h), tomou a decisión unilateral de modificar o plano de cobertura da campaña eleitoral, no sentido de retallar a presenza do BNG.

A proposta da dirección xeral da CRTVG convertíase así no novo plano de cobertura por vontade expresa dela propia e sen a preceptiva aprobación da XEP.

Onte mesmo, a XEP dirixía unha comunicación á dirección xeral da CRTVG para solicitarlle que lle dese traslado da súa proposta de modificación do plano de cobertura con vistas a súa aprobación definitiva. Isto é, en aplicación do acordo da Xunta Eleitoral Central, a XEP lembráballe á CRTVG que a competencia sobre a aprobación da modificación do plano recaía nela propia. A Dirección Xeral da CRTVG fixo caso omiso desa advertencia e, sen agardar a obter a aprobación da XEP, alterou a distribución dos tempos entre as forzas políticas, prexudicando o BNG.

Menos tempo para o BNG, máis para AGE

Todo comezou na mañá da cuarta feira cando a dirección xeral da CRTVG deu traslado á Xunta Eleitoral Provincial dunha proposta de mudanza do plano consistente en liñas xerais en reducir o tempo do BNG -de 27 a 18 segundos- e en incrementar o de AGE -que pasaría agora a ter 23 segundos. PP -con 2 minutos 30 segundos- e PSOE -con 1 minuto 46 segundos- ficarían iguais. Os blocos informativos que a RG e a TVG dedican á campaña nos seus telexornais teñen unha duración de 5 minutos.

A CRTVG fixo abstracción de que o BNG presentara un recurso eleitoral perante o Tribunal Supremo

A proposta da CRTVG tomaba en conta os criterios fixados pola Xunta Eleitoral Central, isto é, dar por non presentado o BNG nas eleccións europeas de 2009 -isto é, Ana Miranda non existe- e, por tanto, negarlle a condición de forza parlamentar a efeitos destes comicios.

Destarte, o BNG é considerado a ollos da CRTVG grupo político significativo -mais non forza parlamentaria a efeitos destes comicios-, de idéntica forma que AGE, que, como é coñecido, non concorreu como tal ás eleccións europeas de 2009.

Na proposta da CRTVG de modificación do seu propio plano de cobertura, o reparto do tempo entre BNG e AGE fíxase en función dos resultados obtidos por estas forzas nas últimas eleccións galegas. Daí que AGE se poña por diante do BNG. Non é así no plano de cobertura agora alterado, que tomaba como referencia os resultados eleitorais producidos en Galiza en 2009, nos anteriores comicios europeus. Neles a candidatura do BNG -que si se presentou, como proban as papeletas impresas co seu logo, que foron as que introduciron as súas e os seus votantes- superou os 103 mil votos, face os pouco máis de 15 mil de IU e UpyD.

Decisión unilateral

Contra o que agardaba a CRTVG, a Xunta Eleitoral Provincial optou por non se reunir esta cuarta feira e por aprazar a súa sesión até as 13 horas de hoxe, quinta feira. Ao así o facer, o plano de cobertura tal e como foi aprobado polo consello de administración mantiña todos os seus efeitos. Isto é, no telexornal das 21 horas, a información dedicada ao BNG debería ser de 27 segundos e a de AGE, arredor da metade.

Mais non foi así. Unilateralmente, a dirección xeral da CRTVG aplicou a tesoura, reduciu o tempo do BNG e incrementou o de AGE, como se a XEP se tivese reunido e tivese dado luz verde á proposta de modificación do plano de cobertura.

É máis: a CRTVG fixo abstracción de que o BNG presentara un recurso eleitoral perante o Tribunal Supremo, con petición expresa da adopción de medidas cautelarísimas, basicamente a non execución do acordo da Xunta Eleitoral Central. En realidade, a XEP da Coruña non podería modificar o plano de cobertura da CRTVG mentres o TS non se pronunciar sobre esta petición de medidas cautelarísimas.

A CRTVG alega que a dirección xeral resolveu modificar o plano de cobertura após consultar os servizos xurídicos da compañía. Aduce que de non telo feito así podería ter incorrido en responsabilidades ao non materializar o acordo producido pola Xunta Eleitoral Central.

Comentarios