II Xornadas de Memoria Histórica. Na Loita contra a Impunidade

Críticas con fundamentos fronte á crónica "dulcificada" da Transición

Expertas falaron da etapa da "francocracia", do que significa o avance de VOX e da importancia que ten a sentenza do pazo de Meirás por ser "a primeira victoria sobre o franquismo". As actividades seguirán mañá coa presenza de parte do equipo da querela arxentina.
Xornadas da Memoria Histórica, Pontevedra, Deputación
photo_camera Un momento dos relatorios desta sexta feira. (Foto: Deputación de Pontevedra)
"Moita xente na sociedade estase a replantexar o papel da Coroa e a necesidade de repensar o discurso para ter unha democracia madura". Con estas palabras e a alusión a acontecementos recentes, a deputada María Ortega xustificou a necesidade de que se organicen actos como as II Xornadas de Memoria Histórica. Na Loita contra a Impunidade, que este ano levan por título "A Transición. Outro discurso é posíbel".
 
Este foro de debate promovido pola Deputación comezou esta sexta feira con críticas fundamentadas de distintos expertos en alusión ao acontecido realmente. Nesa primeira intervención, Ortega defendeu que no eido da memoria histórica é preciso "abrirse a os matices" e non facer propio un discurso que leva á “dulcificación e ao consenso imposto no relato da Transición".
 
Facendo un recordo ao inicio do curso -para parte do estudantado galego-, recoñeceu que a primeira materia pendente da sociedade e das institucións "é a de axudar a medrar a democracia e achegar esa necesaria luz sobre o discurso imperante”.
 
Nesta apertura dos relatorios no Pazo da Cultura tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que exixiu que a Galiza teña un relato, a súa propia visión da historia, máis alá da visión centralista e oficial. “Precisamos voces e miradas propias coas que construír e difundir o noso relato", incidiu. 
 
Desde o seu punto de vista desta forma se pode dar "cabida ao acontecido no noso país" e atender á "maior pluralidade de enfoques e sectores posible". Isto serviría igualmente para que se "faga xustiza á semente que todos os mártires da liberdade daquel tempo nos deixaron en herdanza”.
 
Lores asegurou que na cidade de Pontevedra leva máis de dúas décadas "traballando a prol dun relato máis equilibrado e máis fideligno co acontecido naquela altura histórica"

O tempo da "francocracia"

Ángeles Diez, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense, quixo deixar claro na conferencia inaugural que a Transición Española tivo continuidade e novidades a partes iguais. No medio deuse a consolidación dun réxime que da en chamar francocracia, que decorreu entre 1966 e 1986, "pero que continúa ata hoxe, e que supuxo un novo trauma histórico que se engadiu ao trauma previo do golpe de Estado e a guerra de resistencia posterior”.
 
No seu discurso, a experta sinalou que aínda hoxe "a memoria compartida dos realmente protagonistas e vítimas négase mediante tres tópicos: unha transición pacífica, consensuada, e a única posible”. Para ela inténtase crear outra memoria con recordos moito menos duros.
 
Diez tamén fixo unha reflexión sobre as crecentes simpatías por VOX que, pensa, “visibiliza a continuidade ideolóxica e cultural que nunca abandonou os partidos e as institucións e tamén é síntoma de como se decantan importantes masas de poboación cara a un fascismo social reactivado”.
 
“Cada rama nova desta democracia postfranquista, cada liderazgo político, cada escollo xurídico, cada reforma institcional, agromou do mesmo tronco franquista", destacou.
"A memoria compartida dos realmente protagonistas e vítimas négase mediante tres tópicos: unha transición pacífica, consensuada, e a única posible”
Así lamentou: "Non poderá ser doutro xeito mentres non se faga xustiza e se remate coa impunidade dos que de forma sistemática e continuada, foron infrinxindo terribles sufrimentos a este país, mentres non se poña voz aos protagonistas reais da Transición, aos que non se lles recoñeceu a loita, aos que se seguiu tratando como perdedores que debían aceptar o realismo das reformas posibles, ou, dito doutro xeito, dunha continuidade moderna e normalizada”, subliñou.

Dúas lecturas

O profesor Xulio Prada baseou a súa intervención máis na Galiza, nun repaso polas lecturas, os enfoques e as visións que tivo a Transición na terra. Máis que unha transición galega, el ve "unha Transición de Galiza" pola importancia dos acontecementos sociais.

"Desde o punto de vista historiográfico bótanse en falta testemuñas, memorias de protagonistas do cambio político, a transición e os inicios da autonomía en contraposición coa proliferación estatal", subliñou. 

A sentenza de Meirás

O de Meirás foi outro tema de interese na primeira das xornadas. Goretti Sanmartín, impulsora da Xunta Pro Devolución de Meirás dende a Deputación da Coruña, e Xabier Ferreira, autor do informe xurídico sobre o pazo analizaron a situación actual arredor da propiedade.
“A sentenza non é o punto final. Non é firme e sabemos que o proceso será longo, pero é osíxeno"
A nacionalista destacou o éxito da sentenza coñecida nos últimos días, que insta aos Franco á devolución do pazo ao pobo. A deputada fixo un repaso dos avances dos últimos anos sinalando “que era preciso que o organismo provincial, que participara no seu momento na compra do pazo para o Caudillo, dese a volta á situación e se producise unha reparación”. 
 
“A sentenza non é o punto final. Non é firme e sabemos que o proceso será longo, pero é osíxeno, é a primeira vitoria sobre o franquismo e ten o valor de tela feito dende aquí. É o resultado do traballo dun país tras décadas de loita”, resumiu.
 
Na súa queda, Ferreira, afirmou a o auto xurídico sobre o inmoble de Meirás é a primeira vez na historia xudicial española que pon en cuestión os negocios xurídicos da ditadura, “froito da coacción, a simulación e a mentira”.

Segundo día

As sesións finalizaronn, xa pola tarde, cunha visita á Illa de San Simón, onde o integrante da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) Matías Matías Rodríguez guiou un itinerario comentado, e onde o deputado Luís Bará falou das políticas públicas pensadas en torno á memoria na nazón. Fechou o día de maneira emocional, Enriqueta Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e filla de Eduardo Otero Molas, preso en San Simón, que falou da loita civil pola memoria das vítimas.
 
As xornadas rematan mañá cos relatorios da xornalista Cristina Fallarás e os integrantes do equipo da querela arxentina contra o franquismo Jacinto Lara, Irene Francés e Jana Calero. Haberá tempo para facer unha homenaxe ao represaliado Chato Galante, que faleceu este ano,e para unha mesa redonda con Tareixa Navaza; Margarita Ledo; Xurxo Souto e Santi Cortegoso.

Comentarios