A CIG critica o acordo para a prórroga dos ERTE por "afondar na desprotección da clase traballadora"

A central reclama avanzar na "derogación da reforma laboral" e ofrecer "garantías reais" de emprego e ingresos

Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario)
photo_camera Paulo Carril (Imaxe: CIG).

O sindicato CIG advirte que o novo acordo para a prórroga dos ERTE supón "afondar no abuso patronal" e que constitúe "un enorme prexuízo para o conxunto dos traballadores e das traballadoras".

"Nas características no que se acaba de asinar, e a estas alturas da evolución da crise sanitaria, convertida nunha contundente crise social e económica, este pacto afonda na desprotección da clase traballadora", afirma.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, estamos ante "un novo episodio do diálogo social no que se vai consumando unha reedición dos Pactos da Moncloa a través dun pacto social que implica facer recaer na clase traballadora os custes desta crise".

"Igual que no acordo anterior -critica Carril- este tamén ten as bendicións do PP e de Ciudadanos, confirmando así que o roubo e saqueo á clase traballadora se manteñen".

Galiza, desfavorecida

A Confederación Intersindical Galega sinala que "este pacto social non resolve os problemas que padecemos, mais ben ao contrario, dificulta unha saída xusta e galega", pois considera que na Galiza estamos a vivir de forma "especialmente intensa" as consecuencias da crise social derivada da pandemia.

Carril subliña que calquera medida para afrontar "o crítico momento actual" non pode manterse sobre a vixencia das políticas laborais e económicas "aplicadas con dureza" polo PP: "Nomeadamente, manter a reforma laboral na súa integridade e non avanzar nestes acordos no seu desmantelamento significa non resolver situacións como as que temos na Galiza coas amezas ao emprego de Alcoa, os feches das térmicas ou o desmantelamento acelerado do noso tecido produtivo".

Comentarios