Críticas ao acordo dos sindicatos coa patronal por partir das reformas laborais

Patronais e sindicatos presentan en Madrid ao Goberno español unha serie de medidas para flexibilizar o mercado laboral como consecuencia da emerxencia sanitaria por coronavirus. Desde a CIG cren que o acordo non é positivo por partir das reformas laborais aínda en vigor.
Goberno español, sindicatos e patronal na sinatura da suba do Salario Mínimo Interprofesional (Europa Press).
photo_camera Goberno español, sindicatos e patronal na sinatura da suba do Salario Mínimo Interprofesional (Europa Press).

As patronais Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e Confederación Española da pequena e Mediana empresa  (Cepyme) e os sindicatos CCOO e UXT acordaron esta pasada quinta feira varias medidas para responder ao impacto do coronavirus en empresas e persoal laboral. Nelas abordan flexibilizar os Expedientes de Regulación de Emprego (ERTE) e varias propostas que entregaron ao Goberno español. 

Nas suxestións de patronal e sindicatos sinalan que son propostas "extraordinarias, transitorias e temporais" que axilizar os trámites dos ERTE e a posibilidade de que se poidan acometer con efecto retroactivo. Tamén indican que o fondo extraordinario para atender os posíbeis ERTE e as baixas laborais por accidente de traballo derivadas do illamento polo coronavirus terán que "acompasarse ao tempo que dure o problema".

UXT: Situación excepcional 

"É unha situación excepcional, na que nos preocupa a saúde das traballadoras e traballadores”, afirma Nós Diario José Luís Fernández Celis, secretario xeral de Organización UXT na Galiza, "e a situación de emprego e a economía do país", engade. Este sindicalista afirma que o pacto entre o seu sindicato, CCOO e as patronais facilitan "que as traballadoras e traballadores non perdan os seus dereitos e as empresas sexan viábeis e seguir abertas". Na UXT cren que "os gobernos deben dar exemplo coa súa propia contratación pública e non rescindir os contratos de servizos, que os manteñan e que as empresas paguen igual que a administración".

Para a CIG o acordo non é positivo

A CIG cre que este acordo entre sindicatos estatais e patronal non vai garantir o cen por cen  dos ingresos do persoal e pode ser utilizado como vía fácil das empresas para resolver esta situación. "Este acordo é unha proposta que está presa das reformas laborais que se aprobaron en 2010 e 2012", explica a Nós Diario o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. 

O responsábel da primeira forza sindical galega asegura que "dalgunha forma este acordo lexitima unha fácil solución en mans das empresas que non garante o mantemento das condicións laborais do persoal". Carril analiza que coa actual situación o panorama pode provocar desde centros de traballo con persoal afectado a empresas que teñan unha gran caída de ingresos ou a incapacidade de poder producir por non ter subministración abondo. "Parécenos moi atrevida a mensaxe de que os ERTE son a solución", sinala o secretario xeral da CIG, "entendemos que non é necesario medidas deste tipo, xa hai na actual lexislación que permitirían afrontar unha situación de suspensión durante 15 días de actividade escolar que impacta nas nais e pais".

Proposta da CIG

A central sindical propón que se garanta unha tramitación que exixa a autorización da propia autoridade laboral para autentificar que as causas reais que se vinculan coas causas que podan haber con este asunto sexan reais. "Cremos que a garantía do cobro do 100% do salario é unha necesidade", sinala Carril, "polo tanto calquera medida que se adopte non pode ter como prexuízo deteriorar as condicións de vida salariais das traballadoras afectadas", engade. 

Por outra banda entenden que todos os recursos públicos que se destinen a este fin deben ser "recursos que non poden empobrecer ou prexudicar a caixa da seguridade social polo tanto ten que ser un fondo especial que financie esta situación".

Paulo Carril critica tamén a xestión da Xunta da Galiza neste tema. Explica a Nós Diario que   nunha reunión mantida esta pasada sexta feira co Goberno galego trasladaron o seu malestar por "non estar tomando as medidas necesarias nunha situació así". Desde o sindicato son partidarios de que se tomen as decisións necesarias "para atallar esta pandemia" e polo tanto cren que "non é de recibo que traballadoras e traballadores de atención sanitaria ou asistencial non teñan os recursos que precisen ou mesmo que as empresas escatimen medios" nestas circunstancias.

Comentarios